10/11/11

A Arte Asturiana: A Cámara Santa de Oviedo



A Oviedo capital do reino dos astures, tiña xa no século VIII unha rica historia. Mais non é iste o tema que toca hoxe, senón a Cámara Santa como un dos restos arquitectónicos de maior antigüidade dese reino. 

Tras a destrución ocasionada na cidade pola campaña de Hixan I a finais do VIII, Afonso II mandou levantar un templo adicado a san Salvador e tamén a propia capital da súa corte. Semellaba que trataba de imitar a corte visigoda do Toledo anterior á conquista musulmá. Iste primixenio templo era de planta basilical coas ábsidas abovedadas, creando, deste xeito, o prototipo que se repetirá durante todo o século IX.

Iste edificio de san Salvador foi derrubado no século XIII para levantar no seu lugar o templo gótico que hoxe coñecemos, mais aínda fican dous restos prerrománicos: a ábsida de san Tirso e a Cámara Santa (principios do século IX) que en realidade é unha capela pegada á Torre de san Miguel e composta por dous corpos superpostos. É un pequeno relicario arquitectónico que como se di tradicionalmente ten ”o tesouro espiritual de Asturias, chegado desde Toledo na Arca Santa”  tras a conquista musulmá.

Sobre a cripta de santa Leocadia (nave inferior abovedada e destinada a enterramento) elévase a Cámara Santa, de planta rectangular, iluminada lateralmente mediante lunetos e cun nicho no testeiro, formado por un arquiño sobre dúas columnas que enmarcan unha celosía e dan cobillo a un pequeno e característico edículo pétreo.

A zona alta, ou capela de san Miguel, é propiamente a Cámara Santa. Mide 12 por seis metros. Na súa ábsida consérvase o tesouro. A nave está cuberta cunha bóveda de canón, tras as reformas do século XII cando foi suprimida a cuberta de cerchas de madeira e se adosaron as estatuas pareadas dos doce apóstolos. Nesta mesma reforma uníronse mediante arcos apontados os contrafortes exteriores prerrománicos.

Débense subliñar dous elementos sobranceiros nas estrutura arquitectónica desta obra. Por unha banda, xorden os arcos cegos decorando os muros exteriores, elemento nada habitual no prerrománico español ata que apareza dun xeito xeneralizado nas igrexas alto-aragonesas. E, pola outra, aparece na planta baixa a primeira nave cuberta da arte asturiana como un claro antecedente das construcións do período ramirense.

Na ábsida, e tras as reixas, atópanse as reliquias e os tesouros que os monarcas astures foron ofrecidas á catedral de san Salvador. Son a arca santa, a Cruz da Vitoria (908, de Afonso III), a Cruz dos Anxos (808), a arca das ágatas (910, agasallo de Fruela II), ademais dun Cristo do século XII, así como outros obxectos en marfil, un Libros das testemuñas do XII e, como non, espiñas da coroa de Cristo e un anaco da cruz de Cristo.

A inicios da II República foi declarada Monumento Nacional, mais foi totalmente destruída ben polas  bombas, que sobre a cidade de Oviedo, mandou tirar Francisco Franco en outubro de 1934, ou ben polos revolucionarios. A situación actual provén das reconstrución rematada en 1942. Está declarada pola UNESCO como Patrimonio Mundial da Humanidade desde 1985.






Bibliografía:
García de Castro Valdés, César (2004). «Cámara Santa». Arte Prerrománico de Asturias. Oviedo, Ediciones Nobel.
García Manzanares, José Luis (1985). El prerrománico del noroeste. Pontedeume, López Torre.

Fotos de INICIARTE.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

É chamativa a semellanza entre as esculturas da Cámara Santa e as da Catedral de Santiago.
Oviedo é unha cidade fantástica, en todos os aspectos. O seu post fíxome pensar que me cómpre ir pensando en visitala de novo despois de tantos anos.
Por outro lado, podería facilitarme o seu enderezo de correo electrónico para facerlle unha consulta?
O meu é: recomezando arroba hotmail.com
Grazas anticipadas

Antonio Martínez dijo...

Ola, Kaplan. Estou de acordo co que di de Oviedo. Está fermosísima. A vindeira semana farei tres entradas máis sobre o tema. Agardo os seus comentarios.
O meu correo é xamg@edu.xunta.es