10/1/09

Carmen Martín: Pintura en acción

A revista do servidor galego de cable R acaba de publicar no seu número de xaneiro o seguinte artigo dedicado á pintora ferrolán Carmen Martín.


"Unha estación de tren, unha lonxa chea de rebumbio, un campo de golf ou a estresada redacción dun xornal. Calquera lugar, ata o máis insospeitado, pode converterse durante unha maratoniana xornada no improvisado taller da artista ferrolá Carmen Martín, impulsora dunha interesante iniciativa denominada Pintura en Acción.

Basicamente este movemento pretende demostrar que a pintura é unha arte actual, viva e en constante movemento. Así, cos seus ollos a modo de obxectivo e zoom, e os pinceis e paletas de cores como as opcións dun imaxinario menú, Carmen consegue captar a realidade que a rodea dun xeito moi especial.

A cousa comezou no 2007 dunha forma case casual. O Café Zucre de Ferrol ofreceulle expoñer a súa obra no local, e a ela ocorréuselle a idea de pintar todos os cadros da mostra no propio lugar e durante un mesmo día, ao longo do cal foi colgando as pezas segundo as remataba. En total, varias horas de arduo traballo nas que a xente puido ver todo o proceso, dende as primeiras pinceladas ata a colocación final nas paredes. “Sempre me caractericei pola miña rapidez pintando e descubrín que esta maneira de traballar era a que mellor me definía e se adaptaba á miña personalidade”, asegura a artista. O éxito rotundo desta primeira experiencia animouna a repetir neutros lugares para alcanzar un dos seus principais obxectivos:

achegarlle a pintura ao público máis heteroxéneo sen os obstáculos tradicionais. “Traballar nun taller está ben, pero realizando estas accións medro moitísimo como artista e obrígome a enfrontarme a novos retos”, explica.

Carmen adoita realizar estes maratóns pictóricos unha vez ao mes. No 2007 centrou o proxecto en diferentes puntos da cidade de Ferrol, pero o movemento foi abrindo fronteiras cara a Narón no 2008, outros puntos de Galicia e mesmo do resto de España. Co seu cabalete e os seus utensilios de traballo estivo xa en sitios como o Centro Comercial Odeón, o campus universitario de Esteiro, o muíño de Xubia en Narón, a estación de trens de Santiago ou o zoo de Vigo. E, en xeral, en calquera que lle propoñan. “Ata o médico me dixo o outro día que por que non pintaba alí”, comenta entre risas. A xornada de Pintura en Acción prolóngase durante ao menos 12 horas, nas que logra rematar unha media de 8 cadros nos que vai probando diferentes técnicas e propostas creativas. “Sen dúbida, o máis bonito do meu traballo é que é algo vivo e nunca sei o que vou facer mañá; non hai monotonía posible”, confesa. Por certo, para este 2009 A Coruña é a urbe escollida para o proxecto. Aínda faltan por determinar as localizacións concretas, de modo que se lle queres propoñer algunha á artista, basta que te poñas en contacto con ela a través do seu blog.


2 comentarios:

Loly dijo...

Esta pintora estivo en maio pasado no CEIP de Pazos, en Ferrol, e nos contan que a experiencia foi FANTÁSTICA!!!
Ao remate da xornada, á pregunta que todos lle facían: Pero, non te cansas? a resposta era sorprendente:
- Que va! Ao revés, canto máis pinto máis necesito pintar.
Así é esta artista ferrolana!!

Antonio Martínez dijo...

Xa ves como está o panaroma en Ferrol, non hai que vos pare.