
De onde non se volve é unha viaxe polo pasado e o presente de García-Alix. O gran número de fotografías que integran a exposición foron realizadas entre 1976 e 2008, sendo esta a primeira vez que se mostran gran parte delas. A organización da mostra baséase en ciclos non cronolóxicos que pretenden que a comprensión do universo do fotógrafo emerxa da unión de todas as imaxes e non só delas en si mesmas. As impresións que resultan ao contemplar as obras mestúranse co testemuño en primeira persoa do autor, que narra coa súa propia voz a peza audiovisual que dá nome á mostra e que constitúe o eixo da mesma. O vídeo supón a exploración
do seu mundo persoal a partir de secuencias gravadas en diversas viaxes a China, onde decide perderse para contar a súa historia. O espectador vese envolvido nun traslado ao pasado do artista e un regreso ao seu presente. As fotografías de García-Alix penetran nos aspectos menos mediáticos da axitación cultural do Madrid dos oitenta, á vez que retratan a súa contorna máis inmediata, amigos, personaxes da época, paisaxes da súa vida... Na actualidade, o seu perfeccionamento do retrato e a composición converteuse nunha ferramenta que se envorca cara ao seu interior e que manifesta a evolución do artista cara a posturas máis abstractas e poéticas.

Fotos e texto: Museo N.C.A. Reina Sofía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario