5/9/08

Fotografía e denuncia: Jaume de Laiguana

Unha exposición mostra imaxes de modelos españolas denunciando as agresións ambientais.

Contaminación urbana, incendios forestais, lixos orgánicos, verteduras de petróleo ou residuos radioactivos son algunhas das agresións ao medio ambiente que o fotógrafo Jaume de Laiguana denuncia coa colaboración de destacadas modelos españolas na exposición «A outra mirada».

A natureza dos corpos espidos de Vanesa Lorenzo, Bimba Bosé, Estefanía Luyk, Martina Klein, Eulalia Martine, Nieves Álvarez, Laura Sánchez ou Esther Cañadas serve como vínculo para enfrontar ao espectador a mares cheos de desperdicios, arboles queimados ou ratas que viven entre as bolsas de lixo na mostra que abre hoxe as súas portas nas Sala Efti.

Composta por un total de trinta e seis imaxes, en branco e negro e en cor, a exposición aberta ata o día 28 está dividida en dous espazos. No primeiro deles exhíbese unha selección de fotografías que Jaume de Laiguana realizou para o Calendario 3/2002, publicado en forma de libro cuxo 20% do prezo de cada exemplar destinouse á organización de defensa da natureza Greenpeace.

O carácter benéfico do Calendario levou ás modelos a pousar de forma desinteresada cubertas de petróleo, sobre bolsas de lixo e con ratas sobre o ombreiro no caso de Bimba Bosé, entre un bosque tallado, como Vanessa Lorenzo, rodeada de botellas de plástico como Estefanía Luyk, ou a Laura Sánchez ameazada polas aspas dun helicóptero e Nieves Alvarez intentando escapar dos fumes que contaminan o ambiente.

O fotógrafo
Jaume de Laiguana (Barcelona, 1966), para quen a foto debe estar ao servizo da sociedade na que estás inmerso, «é unha obrigación moral, case», é realizador, deseñador gráfico, director de arte, ilustrador. Cantantes como Shakira, Alejandro Sanz, Miguel Bosse ou David Bisbal confiaron nel para a presentación dos seus álbums e realizou anuncios para Antonio Banderas e Joaquín Cortés entre outros.

A mediados dos noventa iniciou a súa traxectoria como fotógrafo, realizando campañas publicitarias para firmas nacionais e internacionais e retratando a personaxes de todos os ámbitos sociais e culturais.

Jaume fundou Laiguana co seu irmán en 1990. Anos despois cando este faleceu, seguiu adiante, asinando xa como Jaume de Laiguana, en homenaxe á xente do seu equipo, unha familia.

Fotos: Jaume de Laiguana Vía La Voz de Galicia.

No hay comentarios: