24/7/08

A Restauración do Pórtico da Gloria (III)

Nova de hoxe de La Voz de Galicia:


"Mentres duren as obras de conservación e restauración do conxunto, poderán subir á estada grupos de ata 14 persoas.

En dous meses estará acondicionada como parte do Proxecto Catedral, da Fundación Barrié da Maza.

A visita que realizaron onte ao alto do pórtico da Gloria a conselleira de Cultura, o arcebispo de Santiago e o vicepresidente da Fundación Barrié da Maza inaugurou, aínda que con case dous meses de antelación, o programa de visitas guiadas e controladas ao alto do conxunto escultórico, subindo á estada instalada para os traballos de conservación preventiva e restauración da obra, obxecto duns traballos que se prolongarán durante o próximo ano santo do 2010.

Para organizar e regular esta afluencia de persoas, a cripta do pórtico, á que se accede directamente a nivel da praza do Obradoiro e que forma parte da área museística da catedral de Santiago, converterase nun centro de recepción e de interpretación desta obra de referencia do románico e da propia cripta, así como da tribuna, que forman parte do discurso iconográfico que creou o mestre Mateo fai oitocentos anos. O acondicionamento da cripta levarao a cabo a Fundación Barrié da Maza como parte indispensable da ambiciosa intervención que financia integramente con tres millóns de euros e que se denomina Proxecto Catedral, por canto ademais do pórtico inclúe a restauración das pinturas murais da bóveda da capela maior e a reordenación do museo. Neste espazo baixo a parte máis representativa e coñecida do conxunto románico disporán, ademais da recepción e librería, de elementos audiovisuais e gráficos para que o público reciba información sobre o que vai ver. Así que, ademais de paneis explicativos e gráficos de carácter didáctico sobre o pórtico da Gloria, poderase ver unha reconstrución virtual en tres dimensións das distintas etapas de restauración do conxunto, a exposición dos instrumentos da orquestra de anciáns do tímpano que realizou hai anos a mesma Fundación Barrié, e un vídeo sobre a catedral, o fenómeno xacobeo e os traballos de conservación e restauración que están en marcha".

No hay comentarios: