5/7/10

Problemas de protección no Patrimonio Galego

Publicado na Voz de Galicia:

Pecios, castros, restos romanos ou pezas relixiosas son os botíns máis cotizados polos ladróns
Patrimonio endurecerá as multas para evitar un espolio que o ano pasado deu lugar a 25 procesos xudiciais
Galicia, a cuarta comunidade española con maior número de patrimonio histórico logo de Castela e León, Andalucía e Estremadura, converteuse nun branco fácil para os saqueadores. A dispersión xeográfica de igrexas e xacementos arqueolóxicos dificultan a vixilancia, situación que aproveitan os asaltantes para facerse con bens históricos que logo poden colocar no mercado negro. Iso é algo no que coinciden fontes da Fiscalía encargada de controlar ese tipo de delitos e colectivos como a Asociación para a Protección do Patrimonio Histórico (Protecturi).
Para frear ese espolio, a Consellería de Cultura traballa xa desde hai un tempo na modificación da actual Lei de Patrimonio. Entre outras medidas, incluirá un forte endurecemento das sancións para evitar casos como os que durante o 2009, segundo os datos que manexa a Fiscalía Superior de Galicia, acabaron coa apertura dun total de vinte e cinco procesos nos distintos xulgados da comunidade. A cifra mantense lixeiramente por baixo da rexistrada no exercicio anterior.
Pioneira
Pero igual que a comunidade é un imán para os expoliadores, tamén é un dos territorios que marcaron un precedente no campo das sentenzas por atentados contra o patrimonio histórico. Fuentes da Fiscalía encargada de controlar ese tipo de delitos, recordan a sentenza que a finais dos noventa condenou a pagar a unha estudante estranxeira os danos provocados na cabeza dunha figura de San Pedro que estaba na fachada do mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago. Outro exemplo é o escrito de acusación contra o coleccionista de arte Leonardo Patterson feito público esta semana no que o fiscal pide dous anos de cárcere e unha multa de sesenta millóns de euros por un delito de contrabando.
Aínda que os roubos de bens históricos rexistrados o ano pasado pola Garda Civil cebáronse cos obxectos de carácter relixioso, desde a dirección xeral de Patrimonio apuntan que son os pecios de época moderna, sobre todo os afundidos no XIX, os castros e os restos da época romana os que máis sofren o asalto dos saqueadores. De feito, esas mesmas fontes, engaden que nos últimos tres anos Patrimonio recibiu un total de nove denuncias relacionadas co espolio de barcos afundidos, e outras oito relacionadas con xacementos romanos e prerromanos. Habitualmente, son os propios cidadáns os que ao descubrir o ataque dos furtivos dan a coñecer ás autoridades o espolio.
Paralelamente, un recente acordo entre a Garda Civil e o Ministerio de Cultura aumentará a vixilancia sobre xacementos submarinos, que serán controlados con cámaras.

1 comentario:

d:D´ dijo...

¿E esa foto onde é?
Sonche parte do feismo galaico
Sería bo velo no mapa de google
por riba e pola beira
Fica mal esa casa tan nova ca portada vella
Saúdos