23/2/08

Laxeiro

De vivires, admirado Laxeiro, hoxe estarías de aniversario: nada máis nin nada menos que 100 velas terías que apagar.

Xosé Otero Abeledo, LAXEIRO é un dos máis representativos pintores que ten dado Galicia. Naceu na parroquia de Donramiro (Lalín), o 23 de febreiro de 1908. A súa aptitude para o debuxo chama a atención aos seus mestres e a súa imaxinación e fantasía fano popular entre os veciños, converténdose en actor improvisado que o mesmo recita un poema que artella un inspirado sermón. Neste escenario rural é onde alimenta o seu mundo interior, con romarías, vagabundos que deambulan polas aldeas, moinantes, e unha tradición chea de mitoloxía, superstición, lendas e fábulas, que estarán presentes sempre na súa obra.En 1951, pintor xa recoñecido, trasládase a Buenos Aires para presentar unha exposición colectiva. O éxito anímao a permanecer alí ata 1960. Relacionado con pintores da vangarda arxentina, expón con frecuencia e aparece como escritor de contos e relatos. A súa etapa arxentina inflúe decisivamente na súa traxectoria artística.O ano 1968 sería decisivo para Laxeiro. De volta a España, a súa exposición na Galería Biosca, coas súas obras máis destacadas, obtén notable éxito. Instalado no ático do Café Gijón, decide viaxar a Holanda para coñecer a pintura de Rembrandt, que deixará nel unha pegada profunda. No ano 1989, é o artista elixido para a exposición inaugural do Auditorio de Galicia en Santiago, e recibe a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. O 21 de xullo de 1996, Laxeiro morre na súa casa de Vigo, sendo soterrado no Cemiterio de Lalín.

A arte galega do século XX fixou a súa propia definición a partir da segunda década do mesmo, coa renovación lingüística propiciada por uns cantos pintores que lograron entender o propio dende unha perspectiva internacionalista. Foi a chamada “vangarda histórica”, a que se enfrontou á conciencia rexionalista dos artistas que concibiran a arte como un documento exquisito da realidade mítica.Laxeiro constitúe un gigantesco fragmento desta renovación artística do primeiro terzo, capaz de delimitar el mesmo o século galego e as súas transformacións ata a actualidade, percorrendo non só as posibilidades dunha renovación das linguaxes, senón tamén aquelas que intuían a este país dende unha antropoloxía diferente. Isto explica a visión mítica e fabuladora da súa pintura, a filosofía construída a partir das lendas estrañas e un mundo máxico imaxinado como desexo dun país que xamais poderá existir.En Laxeiro estarán presentes, ao longo do seu amplo proxecto, as peculiaridades da filosofía, da antropoloxía e da expresión artística galegas. Na narración e na linguaxe. Contidos e formas que ironizan dende a tenrura, sempre tolerantes e portavoces dun humor satirizante. Pintura que se comunica coa paisaxe e exalta o máis fecundo panteísmo dende as entrañas pagás dunha hierofanía que nace da asunción de telurismo primitivo. Narración que incita á soidade e ao misterio, ao sentimento remozado da terra na nostalxia, na melancolía ou no infinito. Ambigüidade irrefreable do mar e do campo, fantasía, utopía, mitoloxía, esperpento... liña romántica, espiral, circular, envolvente, expresionismo...

Con Laxeiro iniciamos unha serie de colaboracións con Anxo e Gracia e o seu fermoso blogue Trafegando ronseis para estudar artistas galegos.

2 comentarios:

saaritaa dijo...

Al parecer era un gran pintor...la verdad es que tiene cuadros muy buenos...es agradable recordar pintores asi.

O Segrel do Penedo dijo...

Parabéns por esta magnífica idea e que a colaboración sexa fructífera.
Traballos colaborativos sempre!!!!
Apertas dende Fene.