23/6/14

Ricardo Boán: vivenda modernista na rúa san Nicolás da Coruña


O grupo de arquitectos que fixeron obras de carácter modernista na Coruña é reducido así como tamén é reducida a presenza  cronolóxica dese movemento arquitectónico na cidade.  Lembrade a etiqueta de "Arquitectura coruñesa" en Iniciarte. Un deses arquitectos foi Ricardo Boán y Callejas.


Nado en Cuba , máis concretamente na Habana, no 1880, estudou en Madrid onde conseguiría acadar o título de arquitecto no 1905. Durante os dez anos que puido exercer a súa profesión, pois morrería en 1915 con tan só 35 anos, traballo en exclusiva na Coruña. Xunto a Antonio López Hernández foi un dos responsables da introdución da estética modernista na cidade. Desgraciadamente aínda non contamos cun estudo en profundidade de toda a súa obra.
A vivenda da rúa san Nicolás 11-13, está ubicada xusto enfronte á igrexa de san Nicolás, obra inicialmente deseñada polo mestre do barroco de placas Simón Rodríguez. A edificación é un tanto estraña en canto pode significa o culminación do decorativíimo modernista de Ricardo Boán.


Foi deseñada nun solar que ventila a dúas rúas, á xa sinalada de san Nicolás (cunha fachada de 9,80 metros) e a da Barreira (7,30 metros de fachada). O proxecto foi asinado en maio de 1912. Se tedes oportunidade podedes admíralo no Arquivo Histórico Municipal pois o  debuxo da súa fachada é espectacular. Inicialmente proxectou un baixo e un primeiro andar destinados a comercio, mentres que o segundo andar e o ático serían para vivenda.  Mais en 1930 Leoncio Bescansa, outra figura clave na arquitectura coruñesa, ampliaría o ático e aumentaría outra planta.
O baixo e o primeiro foron deseñados como espazo abertos tendos pasarelas laterais. Desgraciadamente tanto a decoración como a distribución do baixo foron moi alteradas mais, pola contra, paréceme, que a do primeiro foi respectada.


As vivendas estaban artelladas ao longo dun corredor con forma de S, contando ademais con dous pequenos patios aos que ventilan as habitacións interiores e a escaleira.


Mentres que a fachada da rúa da Barreira ten un eixo central que marca a súa simetría, a de san Nicolás conta con dous eixos, un que marca o acceso ás escaleiras e vivendas superiores e outro para o local comercial do baixo (inicialmente foran un almacén para utensilios do fogar e na actualidade é local de máquinas de xogos)


A fachada principal conta con toda a gama dos elementos decorativos típicos do modernismo coruñés e que amosan unha das características deste estilo na cidade, a unión de diversos traballos artesanais en ferro, vidro ou madeira: columnas, cariátides, galerías en varias cores, ferraxes creativas, vidros e mesmo curiosos ladrillos. Ademais conta coa introdución novidosa de arcos de ferradura. O decorativismo semella que sobrepasou os seus propios límites.


Nesta fachada cabe salientar ademais dos dous eixos e do esceso de elementos decorativos, o balcón curvo do primeiro andar así como unha tripla arquearía de peculiares curvas.


Bibliografía:
Xosé Luis Martínez Suárez e Xan Casabella López. A Coruña 1890-1940. Catálogo de arquitectura.  A Coruña, COAG, 1989.

Esteban Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura. A Coruña, COAG, 1998.

No hay comentarios: