Francisco de Goya “La
Maja desnuda”
Óleo sobre lenzo,
1795-1800. 98x191 cm.
Moito hai escrito
sobre estes dous óleos… Unha primeira aproximación podemos facela através da
información do Museo del Prado, continuando por Arte historia e rematando coa
facilitada en Polos vieros da arte. A súa fama vén dada porque en 1843 o
francés Louis Viardor sinalou que eran retratos da Duquesa de Alba. Hoxendía
case ninguén mantén esta opinión, sobre todo desde que o Duque de Alba mandou
en 1945 exhumar os restos da aludida. Xa que logo, os historiadores da arte,
dixeron que se trataba de dúas madrileñas calquera e que, polo tanto, tiñamos o
primeiro espido da arte occidental sen xustificación teórica.
O profesor López
defende a opinión de que estas dúas obras son “Unha representación das dúas
Venus Xemelgas de Platón e que Goya representounas tan semellantes, tan
xemelgas, coma ningún outro pintor fixera endexamais.”(páx. 325)
Neste senso, a maxa
espida representaría á Venus Celeste e a vestida á Venus Vulgar. Entón, as
diferencias que se aprecian estes os dous lenzos terían como obxectivo
caracterizar os dous graos de beleza que simbolizan. A Celeste é o esplendor
primario e universal da divindade, mentres que a Venus Vulgar sería unha imaxe
individualizada da beleza primaria feita nun mundo corpóreo. (Podería lembrarse
aquí “O amor sacro e o amor profano de Tiziano?)
Como se conta na
tradición grega, estas dúas Venus non teñen os ollos excesivamente grandes, coa
pálpebra inferior lixeiramente caída e a pupila dos ollos tocando só a pálpebra
inferior “o que lle confire unha
expresión de desexo” (páx. 327). Nembargantes a Venus Celeste ten unhas
facción máis estilizadas segundo o canon de beleza clásico. As cores da pel
tamén teñen peculiaridades de seu: a vestida ten resgos máis rosáceos (mestura
de carmín e branco). O seu pelo tamén é máis longo e cunha cinta e as cores da
vestimenta concordan co que se recolle na Encyclopedie: branco e amarelo que
poderían expresar a felicidade eterna e a felicidade breve como xa expuxera
Panofsky ao analizar "O Amor sacro e o amor profano" de Tiziano. Ademais de
branco e amarelo temos o negro da chaquetiña que puidera significar a
honestidade como tamén o cinto carmín da cintura.
Francisco de Goya “La
Maja vestida”
Óleo sobre lenzo,
1795-1800. 95x191 cm.
Igualmente as sabas
e o seu colorido amosan diferencias e axudan para establecer os seus graos de
beleza. Goya, e nisto sería coñecedor da teorías do neoplatónico Marsilio Ficino, sitúa á Venus Vulgar sobre unha cama verde con reflexos dourados mestres
que á espida sobre unha azul.
Para o docente
santiagués “a interpretación das dúas
maxas coma as Venus Xemelgas xustifica tamén o maior idealismo da vestida (…) E
que esta se represente máis próxima ao espectador, pois para gozar dela non
cómpre exercitarse na vida contemplativa, como acontece na outra.” (páx.
330) Ase mesmo esta interpretación tamén xustificaría os distintos xeitos
empregados por Goya na súa plasmación, xa que segundo as regras da retórica
recollidas por Luzán na súa Poética (La
poética, ó Reglas de la Poesía en general y de sus Principales Especies.
Zaragoza, 1737) á Venus Celestes correspóndelle un estilo sublime caracterizado
por unha feitura exquisita mentres que á Venus Vulgar corresponderíalle unha
feitura humilde, máis natural e solta.
Finalmente cabe
lembrar que o propio fillo de Goya, na biografía que fixo do seu pai, refírese
ás este óleos como “as Venus que tiña p
Príncipe da Paz”. Ademais onde Godoy tiña colgada á espida en novembro de
1800 tiña outras Venus, entre elas a de Velázquez.
José Manuel B.
López Vázquez. Declaración de las pinturas de Goya. A Coruña, Deputación
provincial, 1999, páx. 325-330.
2 comentarios:
Fundamental que o alumnado de Arte preste atención a estas entradas túas sobre Goya, sabendo que López Vázquez é o coordinador do exame de selectivo e un dos correctores das probas...
Saúdos e grazas polo comentario que fixeches a miña entrada de Caravaggio
Saúdos, Jorge e grazas a ti tamén polo comentario, veciño.
Publicar un comentario