11/3/13

Francisco de Goya: Novas claves para interpretar as maxas


 Francisco de Goya “La Maja desnuda
Óleo sobre lenzo, 1795-1800. 98x191 cm.

Moito hai escrito sobre estes dous óleos… Unha primeira aproximación podemos facela através da información do Museo del Prado, continuando por Arte historia e rematando coa facilitada en Polos vieros da arte. A súa fama vén dada porque en 1843 o francés Louis Viardor sinalou que eran retratos da Duquesa de Alba. Hoxendía case ninguén mantén esta opinión, sobre todo desde que o Duque de Alba mandou en 1945 exhumar os restos da aludida. Xa que logo, os historiadores da arte, dixeron que se trataba de dúas madrileñas calquera e que, polo tanto, tiñamos o primeiro espido da arte occidental sen xustificación teórica.

O profesor López defende a opinión de que estas dúas obras son “Unha representación das dúas Venus Xemelgas de Platón e que Goya representounas tan semellantes, tan xemelgas, coma ningún outro pintor fixera endexamais.”(páx. 325)

Neste senso, a maxa espida representaría á Venus Celeste e a vestida á Venus Vulgar. Entón, as diferencias que se aprecian estes os dous lenzos terían como obxectivo caracterizar os dous graos de beleza que simbolizan. A Celeste é o esplendor primario e universal da divindade, mentres que a Venus Vulgar sería unha imaxe individualizada da beleza primaria feita nun mundo corpóreo. (Podería lembrarse aquí “O amor sacro e o amor profano de Tiziano?)

Como se conta na tradición grega, estas dúas Venus non teñen os ollos excesivamente grandes, coa pálpebra inferior lixeiramente caída e a pupila dos ollos tocando só a pálpebra inferior “o que lle confire unha expresión de desexo” (páx. 327). Nembargantes a Venus Celeste ten unhas facción máis estilizadas segundo o canon de beleza clásico. As cores da pel tamén teñen peculiaridades de seu: a vestida ten resgos máis rosáceos (mestura de carmín e branco). O seu pelo tamén é máis longo e cunha cinta e as cores da vestimenta concordan co que se recolle na Encyclopedie: branco e amarelo que poderían expresar a felicidade eterna e a felicidade breve como xa expuxera Panofsky ao analizar "O Amor sacro e o amor profano" de Tiziano. Ademais de branco e amarelo temos o negro da chaquetiña que puidera significar a honestidade como tamén o cinto carmín da cintura.

 Francisco de Goya “La Maja vestida
Óleo sobre lenzo, 1795-1800. 95x191 cm.

Igualmente as sabas e o seu colorido amosan diferencias e axudan para establecer os seus graos de beleza. Goya, e nisto sería coñecedor da teorías do neoplatónico Marsilio Ficino, sitúa á Venus Vulgar sobre unha cama verde con reflexos dourados mestres que á espida sobre unha azul.

Para o docente santiagués “a interpretación das dúas maxas coma as Venus Xemelgas xustifica tamén o maior idealismo da vestida (…) E que esta se represente máis próxima ao espectador, pois para gozar dela non cómpre exercitarse na vida contemplativa, como acontece na outra.” (páx. 330) Ase mesmo esta interpretación tamén xustificaría os distintos xeitos empregados por Goya na súa plasmación, xa que segundo as regras da retórica recollidas por Luzán na súa Poética (La poética, ó Reglas de la Poesía en general y de sus Principales Especies. Zaragoza, 1737) á Venus Celestes correspóndelle un estilo sublime caracterizado por unha feitura exquisita mentres que á Venus Vulgar corresponderíalle unha feitura humilde, máis natural e solta.

Finalmente cabe lembrar que o propio fillo de Goya, na biografía que fixo do seu pai, refírese ás este óleos como “as Venus que tiña p Príncipe da Paz”. Ademais onde Godoy tiña colgada á espida en novembro de 1800 tiña outras Venus, entre elas a de Velázquez.

José Manuel B. López Vázquez. Declaración de las pinturas de Goya. A Coruña, Deputación provincial, 1999, páx. 325-330.

2 comentarios:

Jorge Carlos Calle dijo...

Fundamental que o alumnado de Arte preste atención a estas entradas túas sobre Goya, sabendo que López Vázquez é o coordinador do exame de selectivo e un dos correctores das probas...
Saúdos e grazas polo comentario que fixeches a miña entrada de Caravaggio

Antonio Martínez dijo...

Saúdos, Jorge e grazas a ti tamén polo comentario, veciño.