A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, de Irisarri e Piñera, premiada polo Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España.
- Autor: Javier Armesto
Se para moitos o 2008 foi un annus horribilis, para o tándem de arquitectos formado por Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera supuxo xusto o contrario. Consolidados como un dos estudos con máis proxección de Galicia, o recoñecemento choveulles en forma de premios de categoría nacional: o FAD de arquitectura, polos almacéns para pescadores do porto de Cangas e, agora, o SICE 2008, pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra.
Convocado polo Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España, o SICE (Sustentabilidade, Innovación e Calidade na Edificación) é a edición deste ano dunha serie de concursos promovidos para estimular o debate sobre os modos de habitar e que abordan cuestións fundamentais no ámbito da vivenda e das novas demandas sociais que se desenvolven nas cidades.
O comité científico que outorgou o primeiro premio ao edificio de Irisarri e Piñera baseouse en criterios como a sensibilidade ambiental do proxecto, a súa calidade arquitectónica e compositiva, a organización dos espazos en relación co espazo comunitario público e dos servizos, e todo o relativo ao uso de enerxías renovables: aproveitamento de recursos naturais, redución de emisións de gases invernadoiro, utilización de sistemas construtivos e técnicas innovadoras...
A facultade pontevedresa, deseñada para ser edificada en varias fases, inclúe unha pista de atletismo pechada de 120 metros e proximamente engadiránselle paneis solares.
Jesús Irisarri explica que o esforzo da sustentabilidade debe ser compartido por todos; polo arquitecto e o construtor, por suposto, pero tamén polo usuario. «Hai xente que me pregunta por que temos que preocuparnos de abrir e pechar as fiestras, e se non sería mellor domotizar todo o edificio. Pero iso suporía un desembolso económico brutal para mecanizar, de enerxía... Hai que facer funcionar os edificios ao xeito tradicional», explica, e pon como exemplo esas casas das aldeas coas fiestras abertas de pao a pao a pesar do frío, para evitar que se condense a humidade.
Texto e foto vía La Voz de Galicia.
2 comentarios:
Que pasada de edificio!! Es como si fuese transparente jeje
Saludos!
A verdade é que son uns arquitectos boísimos.
Publicar un comentario