7/12/15

Catedral de Tui: segunda campaña


Os profesores Manso e Yzquierdo (1993) describen do seguinte xeito a segunda campaña edilicia:

“Á primeira campaña da catedral de Tui correspóndelle a cabeceira, as naves menores do transepto ata a tribuna e os muros das naves laterais do corpo lonxitudinal.  Despois duns anos de paralización, as obras da fortaleza e da catedral continuaron no ano 1180, segundo o privilexio de Fernando II ao bispo Pedro Beltrán. Isto obrigou a alterar a traza primitiva para adecuala ás formas do novo estilo gótico. O remate esencial da fábrica realizouse durante o pontificado de Estevo Exea (1218-1239), que celebrou a consagración entre 1224-1225. (...) A obra proseguiu con outros labores ornamentais coma os escultóricos da fachada. Para o portal legou cinco soldos o zapateiro Fernán Suárez no ano 1225. Para as obras das vidreiras da cabeceira (1264), o arcediago Fernando Eáns deixou unha manda de cen marabedís. Xa a fins do século XV, durante o pontificado de Pedro Beltrán, as ábsidas románicas ampliáronse polas actuais.


No transepto, os arcos que comunicaban a tribuna coas naves cegáronse para entullar a estrutura do alzado e os dos extremos do tramo conserváronse abertos con bóvedas de canón apuntadas. O triforio de cada un dos tramos organízase en catro arquiños oxivais que viran sobre capiteis e semicolumnas monolíticas con bases áticas. Con estas alteracións lógrase que os elementos da tribuna primitiva, transformados en arcobotantes .con arcos de cuarto de círculo- e contrafortes, contrarresten as cargas das bóvedas de crucería cuadripartitas que se levantan na nave central. O cambio de proxecto tamén se advirte nos retoques practicados nos arrinques e nos motivos ornamentais: follas longas e remate en croxé nos capiteis campaniformes do triforio, e outros vexetais nos cimacios, impostas e nos dous rosetóns dos frontispicios. Nas roscas destes últimos (...) repítense elementos parecidos aos da fachada principal, aínda que o tratamento é de calidade inferior. Nos frontispicios do transepto proxectáronse unhas torres, aínda que só se levantou a do lado setentrional.


Os elementos góticos dominan no conxunto do brazo lonxitudinal do templo. Os piares dos tres primeiros tramos son de sección cuadrangular con catro semicolumnas encaixadas. Os dos dous últimos tramos, máis evolucionados, compóñense dun núcleo cilíndrico con oito columnas encaixadas. Todos eles ofrecen capiteis vexetais de formas estilizadas, máis naturalistas os dos tramos occidentais; estes reciben os arcos oxivais e os nervios das bóvedas de crucería. Sobre os arcos formeiros das naves laterais corre a tribuna, que tamén tivo que ser reformada nun falso triforio, cos mesmos elementos estruturais e decorativos que ofrecen os do transepto. O paso da tribuna deste á da nave, co pavimento máis elevado ao se construíren os arcos oxivais e as bóvedas de crucería, efectúase a través de catro chanzos. As ventás primitivas dos muros laterais quedaron ocultas nas tribunas á altura do pavimento destas. Sobre o triforio de ambos lados ábrense xanelas que iluminan a nave central, agás nun dos tramos.”

Ao dicir de Cameselle e Iglesias (2004), “Chama a atención o apontoamento xeral da catedral formado por tirantes que van desde o século XV ata o ano 1715, todos anteriores ao famoso terremoto de Lisboa do ano 1755 que tamén afectou á estrutura da igrexa. É curiosa a gran inclinación de alicerces e arcos deformados, particularmente na na ve sur.


O ciborio que cobre o cruceiro é obra do bispo don Diego de Avellaneda, segundo figuran as súas armas no mesmo, que realiza a principios do século XVI. Está adornado cunha artística bóveda estrelada, na parte inferior da mesma hai catro figuras de atlantes policromados que sostiñan a armazón do botafumeiro que existiu na Idade Media.

Na nave maior consérvanse dúas grandiosas caixas de órganos barrocos, obras realizadas no ano 1714 polo escultor Domingo Rodríguez de Pazos de Fornelos. Remátanos as imaxes ecuestres de Santiago Apóstolo e San Telmo. A parte instrumental é obra do mestre organeiro Antonio do Piñeiro e Velasco, natural de Palencia, a quen o cabido contrata na cantidade de 36.000 reais de vellón.

Baixo os órganos atópanse situadas dúas series de cadeiras pertencentes ao coro de Castro Canseco, actualmente situado na capela maior” 

Sobre os efectos que o terremoto de Lisboa de 1755 tivo neste edificios podedes consultar Ferruxadas. Grazas polo apuntamento d:D´.

Carmen Manso Porto e Ramón Yzquierdo Perrín. Arte. Galicia. A Coruña, Hércules, 1993. Tomo XI


Cameselle Bastos, D. e Iglesias Almeida, E. La catedral de Tui. León, Edilesa, 2004, pax. 9

2 comentarios:

d:D´ dijo...

Uns traballos caralludamente bos, mestre.
Dá gosto lelos.

Non estaría mal unha referenza a crebadura nun costado
sobro esta catedral feita polo temblor de terra do ano aquel.
De cativo xa mo contaban (escrito así, na fala da rúa)

[ http://ferruxo.blogspot.com.es/2012/11/el-terremoto-de-lisboa-de-1755.html ]

Deicaludos d:D´

Antonio Martínez dijo...

Moitas grazas polo apuntados. Xa retoquie a entreda. Con seguidores así... da gusto.