18/11/13

San Estevo de Ribas de Miño

A igrexa máis salientable do románico desta zona da Ribeira Sacra que andamos a percorrer é, sen dúbida, a de san Estevo de Ribas de Miño. Lede con atención o texto do profesor Izquierdo.

"Nunha ribeira moi empinada levántase esta igrexa que perteneceu a un antigo mosteiro, pero os datos que se posúen son escasos e confusos…

O terreo no que se levanta a igrexa é tan escaso que foi necesario escavar na rocha o espazo suficiente para erixir a cabeceira; e no outro extremo, contra u oeste, houbo que que construír unha pequena cripta sobre a que se alza a fachada principal e a terraza existente diante dela, desde a que se enxera unha impresionante paisaxe. A cripta consiste nunha bóveda de canón, de magníficos perpiaños de granito, pechada á fronte por un muro liso, no que se abre, no centro, unha sinxela porta de acceso ao interior, que non ten comunicación coa igrexa alta. O recurso é importantísimo e o único paralelo en Galicia é a cripta que o propio Mateo realizou en Santiago para soster o Pórtico da Gloria; a de Ribas de Miño é moito máis modesta, pero o concepto e a función son os mesmos e iso demostra a valía do seu artífice, e tamén a estreita vinculación con Mateo. O acceso á igrexa alta tense que facer, necesariamente, polas partes laterais.

A planta da igrexa consta de nave e ábsida únicas. Aquela divídese en catro tramos por arcos diafragmas apuntados que sosteñen o teitume de madeira. As columnas, embutidas nos muros, rematan con capiteis de follas que, nalgún caso, presentan o eixe perlado e puntos trepanados, parecen seguir o modelo dos da nave de san Xoán de Portomarín, ao mesmo tempo tamén se relacionan con algún de deambulatorio de Carboeiro. Eles mesmos, por outra parte, serviron de inspiración para os de santa María de Pesqueiras, situada na outra banda do río. A mesma relación existe entre as ventás de Santo Estevo e as de Portomarín e Pesqueiras, nas que volven estar presentes as inevitables receitas mateanas.

A organización da contraportada de Ribas de Miño é coma a de san Xoán de Portomarín. No medio ábrese a porta de acceso ao templo, co arco e as xambas en bocel; nas beiras, dúas portas estreitas con lintel pentagonal conducen a unha escaleira de caracol que leva a un corredor diante do rosetón grande da fachada, comunicado coa nave a través dun arco apuntado amplo. As escaleiras que seguen ata o tellado, e a do norte levaba á espadana que se alza nese extremo do frontispicio ata a restauración de 1976-1977, data na que se desmontou. A relación con san Xoán de Portomarín está fóra de dúbida e evidencia os vínculos que tiña con ela o autor de Santo Estevo.

(…)A ábsida diferénciase da organización que presenta a de Portomarín. O arco triunfal, de medio punto, apoia en columnas, estas teñen nos capiteis decoración de follas reviradas sobre si ou que se resolven en bólas. Outros parecidos vence, por exemplo, en San Xoán da Cova…

No exterior destaca a rotundidade do volumes xeométricos, claramente diferenciados. Os altos contrafortes da nave e mais o elevado lugar no que se alza a igrexa realzan a elegancia das proporcións, ás que non estorba a riqueza ornamental da portada. O beirado da ábsida organízase con canzorros sinxelos que soportan arcos de medio punto, coma en Ourense, aínda que en Ribas de Miño prescinden das tabicas e de que os arcos acollan motivos ornamentais. Iste tipo de beirado reitérase en san Xoán da Cova. Os rosetóns do presbiterio repiten o festón de arcos pequenos.

Na nave, os contrafortes danlle unha forte articulación á que se subordinan os demais elementos. Debaixo do arcos de medio punto que os unen ábrense ventas, as que se volven ver motivos mateanos, e a sinxela porta sur. Os beirados prescinden dos arcos e os canzorros ornaméntanse con bólas e temas similares, sobriedade que se abandona na fachada principal, unha das mellores da nosa arte medieval.

Na parte inferior da fachada ábrese a portada, flanqueada por arcos cegos con molduras que perfilan semicírculos con piñas como as da porta sur de Portomarín. Estes arcos con muro algo retirado case suxiren a existencia de tres naves, coma se o autor quixese xogar cos elementos arquitectónicos para lle facer crer ó espectador nunha distribución interna inexistente. Son pois, uns fornelos moi diferentes aos que se ven noutras fachadas, aínda que son comparables ós da veciña igrexa de Diomondi, que se deberon inspirar nestes de Ribas de Miño. 

A porta é o conxunto que suscitou máis interese pola beleza singular e pola calidade e variedade da ornamentación e iconografía. As catro arquivoltas semicirculares apoian noutros tantos pares de columnas acobadadas. Os esveltos fustes lisos, de mármore do país (que contrasta co granito do resto), álzase sobre basas altas e nos ángulos lábranse molduras. A alternancia de granito e mármore utilizouse en ocasións contadas e en obras coma a catedral de Santiago, pois nela Mateo empregou, no Pórtico da Gloria, algún fustes marmóreos.

Os capiteis da portada de Santo Estevo decóranse con follas que reciben diferentes tratamentos e disposicións, pero é común en todas a claridade e o virtuosismo que logra notables efectos plásticos, perfís recortados, eixes perlados e puntual utilización do
trépano; seguen, pois, receitas mateanas relacionadas coas portadas de Portomarín. Só os da arquivolta menor teñen decoración zoomórfica; o esquerdo posúe unha parella de dragóns que cruzan os pescozos e morden as patas e o dereito ten un par de harpías coas colas enroscadas nas patas e no pescozo. Son temas e disposicións que se encontran tamén nas portadas de Portomarín e cóntanse entre os máis característicos de Mateo e do seu obradoiro. Nos cimacios labráronse follas radias pequenas.

As arquivoltas moldúranse con boceis,  medias canas e escocias recubertas por múltiples motivos ornamentais. A maior presenta follas radiais grandes de extremos enrolados, ornamentación que non falta en ningún dos núcleos mateanos, aínda que as variacións que ofrecen impiden a repetición. A arquivolta seguinte está sogueada e na rosca engádenselle follas radiais pequenas de contorno xeometrizado. É unha decoración similar á do mesmo arco da porta sur de Portomarín, que desde Santo Estevo pasou a Pesqueiras. A terceira arquivolta de Ribas de Miño reitera as ovas e as frechas no bocel, seguidas no intradorso de cabezas de cravo pinxentes; relaciónase, outra volta, coa porta sur de Portomarín.

A arquivolta menor supera as anteriores en complexidade e riqueza, xa que nela dispóñense sete figuras sentadas que evocan a disposición dos anciáns apocalípticos. O central, con coroa na cabeza, porta un disco solar interpretado coma unha roda de raios curvados sinestrosos. A segunda figura, de esquerda a dereita, leva coas mans veladas un crecente de lúa. Os anxos astróforos introduciunos na arte galega o mestre Mateo (utilizouno na cripta e no arco da fachada do Pórtico da Gloria) e desde el pasaron aos seus seguidores, que os empregaron na catedral de Ourense e no pazo de Xelmírez.

As figuras que flanquean a central viran a cabeza cara a esta e cruzan as pernas. A esquerda sostiña coas mans un obxecto (hoxe perdido) que podía ser un instrumento musical; a da dereita pousa a man esquerda sobre o xeonllo, leva a outra mana o peito e parte do manto pendúralle do brazo. A penúltima figura, tamén coas pernas cruzadas, suxeita e tanxe un salterio; mira para a última figura, que pousa a man dereita no ombreiro esquerdo, sostén o manto e apoia a outra enriba do xeonllo. A figura do outro extremo da arquivolta toca un fídula que mantén no regazo. Mestúranse, pois, dous temas que en Galicia son exclusivos de Mateo e dos seus colaboradores: os músicos anciáns e os personaxes astróforos. Os paralelos haberíaos que buscar en Santiago, Ourense, Portomarín e Carboeiro; isto é, nas obras do mestre Mateo e dos seus discípulos.

As xambas reciben tamén un tratamento único, xa que se labran en bocel grande abrazado por arquiños de medio punto con pinzas entre eles, decoración que se utiliza en arcos, non en elementos rectos. Os ángulos salientes repiten a súa proximidade aos postulados da arte de Mateo e dos seus seguidores, posto que se decoran as figuras. A esquerda ten un anxo sentado que xira a
cabeza cara ao exterior e sostén coas mans un cartel longo no que sinala algo co índice; en fronte encóntrase unha figura monstruosa, con cabeza de mamífero, que cruza as pernas e coas extremidades superiores agarra un cartel que coloca diante das mesmas. Esta posible representación diabólica e mais a do anxo reiterarían a composición dos ángulos da portada principal de san Xoán de Portomarín. Fronte a tan rica decoración, o tímpano está liso.

Sobre a porta, e ata a vertical das claves dos arcos laterais, esténdese un beirado. Cada canzorro ornaméntase cunha roseta con botón central, e neles apoian arcos de medio punto perfilados por molduras diminutas, que gorecen novas rosetas de follas rizadas con incisións e trépano. De cada unha penduran dous talos curtos resoltos en piñas ou acios. As cubertas presentan unha liña en zigzag. A distribución da fachada (porta-beirado-rosetón) é coma a de Portomarín, Ourense e Santiago.

Na parte superior da fachada ábrese un rosetón grande de case catro metros de diámetro, que leva bólas na ampla escocia do óculo, motivo habitual nos edificios mateanos. A decoración xeométrica, calada en granito, ten no centro un círculo do que parten doce pentágonos alongados e continúa cara á beira con outros círculos de diámetros diferentes. A zona central deste rosetón, círculos e pentágonos alongados, coincide co que se abre en Portomarín sobre o arco triunfal, e ocorre o mesmo coas bólas do óculo. A fachada remata cunha cornixa lisa nas vertentes do tellado.

(…) A igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño é obra dun mestre próximo a Mateo, coñecedor de moitos dos seus recursos arquitectónicos, iconográficos e ornamentais, e dos seus colaboradores, entre os que se podería contar con el mesmo; como mínimo, tívose que formar ao lado do mestre de Portomarín, especialmente co autor das portadas laterais. Tamén coñecía algún recursos utilizados na catedral de Ourense, motivo que lle dá á súa obra un carácter único e senlleiro dentro da arte galega, algo que corrobora o feito de que del partisen outros artistas, por exemplo o de Pesqueiras…"


Ramón Izquierdo Perrín. Arte Medieval (I). Galicia. Vol X. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 235-240.
Fotos: INICIARTE

No hay comentarios: