Como xa dixemos no post anterior, a Afrodita Cnidia é a
responsable da continuidade da representación do nu feminino frontal e completo
empregada na arte arte occidental. A
orixe desta divina representación foi relatada por Ateneo, que no 200 d.C.,
conta que foi inspirada pola fermosura de Friné:
“Un día, entre as Grandes Eleusinias e as estas de Poseidón,
desprendeuse do seu vestido diante de todos os gregos, deixou caer os seus longos cabelos e entro una auga
coa maior sinxeleza. Serviu de modelo a Apeles cando este pintou a súa Venus
Anadiómene (a que xorde do mar), mais tamén a Praxíteles, o seu amante, cando
este esculpiu a Venus de Cnido segundo a súa imaxe; sobre o seu pedestal, que
se atopa ao pé da escena do teatro, gravou os seguintes versos: Praxíteles fixo
esta obra extraéndoa do seu propio corazón, e me agasallou a Friné; eu mesma
son o meu propio pago. E se feitizo os encantos, non é coas miñas frechas senón
coa miña ardente mirada”.
Praxíteles podería ser coñecido pola abundancia de obras nas
que representa o espido feminino (Venus de Arlés, Venus no baño…), mais a obra
que lle proporcionou un maior éxito foi, sen dúbida, a súa Venus de Cnido
(Afrodita Cnida) datable entre o 364 e o 362 a.C., ao seren considerada como a
imaxe feminina máis fermosa de toda a Antigüidade. Pénsese que se teñen conservadas
máis de duascentas copias porque o orixal foi perdido na Idade Media
probablemente en Istambul.
O tema, como era
habitual ou frecuente no escultor ateniense, é case anecdótico: a deusa, antes
de introducirse nun baño, deixa caer coa súa man esquerda elevada a súa
vestimenta sobre unha vasilla estando suavemente inclinada cara adiante.
Fronte a antigas deusas da fecundidade, a Afrodita
praxiteliana, amosa unha expresión case púdica, ante a irrupción sorpresiva dos
seus contempladores no íntimo momento do aseo persoal. Afrodita está
representada deixando caer as súas vestimentas sobre un hidria (ánfora para a
auga), actuando ambas (roupa e hidria) como soportes estruturais da obra e
permitindo que o corpo da deusa rote lixeiramente cara adiante e á esquerda. O
seu rostro, ao igual que a posición da man dereita, amosa un relativo pudor.
Apóiase nun só pé mentres ten a outra perna lixeiramente dobrada. Poderíase
entender coma un símbolo de coquetería feminina (no noso mundo castrexo
significaba outra cousa…) o torque que leva no brazo esquerdo.
Plinio lembrou para a posteridade as orixes da fama desta
obra ao relatar como os habitantes de Cos, buscando no estudo de Praxiteles
unha obra que representara á súa patroa, Afrodita, escolleron á coñecida hoxe
como Venus de Arlés por non estar completamente espida. Os representantes de Cnido, sen embargo, ao
estar máis afeitos ao gusto oriental do espido feminino, escolleron esta outra versión que actuaría desde o
século III a.C. como un auténtico reclamo turístico, posto que foron moitos os
gregos que visitaron esta illa co obxectivo de contemplar a imaxe, ubicada de
xeito tal que permitía a visión por todos os ángulos (no centro dun templeto
circular).
Coma todas as esculturas da época, esta Afrodita estivo
tamén policromada, sendo o pintor Nicias, habitual colaborador de Praxíteles e
artista de recoñecido prestixio no século IV a.C. De feito Luciano de Samosata
(século II d.C.) entendía que o pintado era superior en calidade artística ao
propio modelado realizado polo escultor.
Esta obra representa o primeiro espido feminino grego
completo (peitos desenvoltos, amplas cadeiras, pernas torneadas, nocellos
finamente artellados…) sen que estivera presente o asalto dos centauros ás
gregas, as amazonas ou ás fillas de Níobe asaetadas por Apolo… Foi toda unha revolución iconográfica. Por
vez primeira o ideal de beleza feminina baseábase na anatomía da muller e non,
como na época de Pericles, nunha estrura corpórea de varón. Por todo isto non
debe extrañarnos que Práxiteles fora criticado por representaren a unha deusa
coa figura espida dunha muller.
Finalmente, pódese anotar que esta Afrodita tivo a súa
equivalencia no sexo masculino na figura do Eros de Parion, unha colonia grega
do mar Negro e que tamén, ao dicir de Plinio, padeceu o “acoso sexual” pola
beleza conferida ao corpo espido por Praxíteles.
Bibliografía: Santiago Moreno Alba. “ Praxíteles. El
escultor de la Grecia Clásica". En Descubrir el arte, VIII, n. 99, maio 2007,
pp- 26-35.
Créditos das ilustracións:
-Rostro.
1 comentario:
Praxiteles corrected once / Praxiteles corregido una vez
http://www.youtube.com/watch?v=5foS0TEtS40&feature=mfu_in_order&list=UL
Publicar un comentario