17/2/11

Convento de san Esteban de Salamanca

O Convento de San Esteban é un convento dominico situado na cidade de Salamanca, na praza do Concilio de Trento.

Historia
Os dominicos instaláronse en Salamanca entre 1255 e 1256. No actual solar do convento, ocupado pola igrexa parroquial de San Esteban, levantaron o primitivo convento, logo derruido para construír o actual, en 1524 por iniciativa do cardeal Frei Juan Álvarez de Toledo.

A súa construción estendeuse ata 1610, participando nela Frei Martín de Santiago, Rodrigo Gil de Hontañón, Juan Ribero de Rada e Pedro Gutiérrez. No entanto, a planta e deseño é de Juan de Álava quen comeza a obra en 1524, o cal demóstrao o plano conservado deste mesmo mestre. Rodrigo Gil de Hontañón ocuparíase da cabeceira e o cruceiro co cimborrio. Aínda que se lle considera un excelente exemplo do estilo plateresco, o prolongado das súas fases construtivas explica a mestura de estilos que van desde o gótico final ata o barroco, estilo este pouco apreciable na súa arquitectura pero ben presente no retablo maior obra de José de Churriguera.

Segundo a tradición, Colón aloxouse neste convento (en realidade no anterior, destruído para construír este) cando foi a Salamanca para defender diante dos xeógrafos da Universidade a posibilidade de chegar ás Indias navegando cara a Occidente.

Durante a Contrarreforma foi un importante centro onde se forxaron os pais dominicos que fundaron a Escola de Salamanca, con Francisco de Vitoria á cabeza, e prestouse axuda a Santa Tareixa de Jesús e a San Ignacio de Loiola.

Fachada
A fachada está composta pola portada da igrexa e o pórtico de acceso ao convento que forma ángulo recto con ela.


A portada da igrexa é un dos máis belos exemplos de plateresco. Está concibida como portada-retablo formando un arco de triunfo baixo cuxa bóveda de medio canón desprégase a abundante decoración carcterística do estilo. No seu centro represéntase o martirio de San Esteban e por encima un Calvario, relevos ambos os executados por Juan Antonio Ceroni a comezos do século XVII.


O pórtico, composto por arcos de medio punto, está inspirado nas loxias renacentistas italianas, contrastando a súa concisa ornamentación coa exuberancia decorativa da fachada da igrexa. Foi realizado por Juan Ribero de Rada entre 1590 e 1592, pero os medallóns das enxoitas son obra do escultor Martín Rodríguez.


A igrexa
A súa construción comezouna o arquitecto Juan de Álava en 1524 e foi seguida por Frei Martín de Santiago a quen sucedeu Rodrigo Gil de Hontañón, sendo consagrada en 1610.

Ten planta de cruz latina e unha soa nave, co coro elevado sobre un arco escarzano aos pés da igrexa. Os estilos presentes son o gótico tardío desde o cruceiro aos pés, e o renacentista que abarca o cruceiro, o cimborrio e o presbiterio. Mide 14'50 metros de ancho, 27 de alto na nave e 44 metros no cimborrio. No coro destacan a pintura do Trunfo da Igrexa de Antonio Palomino e unha Virxe co Neno de Rubens.

Outros elementos salientables son o claustro e os capítulos, a sancristía, a escaleira de Soto e o retablo maior.

Bibliografía
• J.L. ESPINEL, O.P.- San Esteban de Salamanca. Historia y guía (siglos XIII-XX). Salamanca, Editorial San Esteban, 1995.
• L. SASTRE VARAS, O.P.- Convento de San Esteban. Arte e historia de los Dominicos. León, Edilesa, 2001.

Información da wikipedia e fotos de Iniciarte.


No hay comentarios: