“Tamén son dignas de encomios as igrexas cuxa planta ten forma de cruz. Teñen a entrada no extremo que forma o pé da cruz. Na parte oposta sitúanse o altar maior e o coro. E nas naves transversais, que se estenden como brazos, hai dúas entradas máis ou dous altares. Dado que este edificio foi erixido en forma de cruz, pon á vista do visitante o madeiro no que se funda o segredo da nosa salvación. Nesta forma construín a igrexa de san Giorgio Maggiore en Venecia” (Andrea Palladio, 1570).
Desde finais do século X a orde do Bieitos foron os propietarios da illa situada na parte do sur da lagoa de Venecia por doazón da república. Grazas ao desenvolvemento económico da orde, encargáronlle a Andrea Palladio a construción do refectorio (1560-1562) e tamén dunha nova igrexa (1556) dirixindo as súas obras ata 1568. A fachada, feita na pedra branca de Istria, sería rematada no 1610 segundo o deseño palladiano.
Hoxe en día esta igrexa, san Giorgio Maggiore forma parte indisociable da imaxe de Venecia ao estar situada enfronte á Piazza de san Marcos.
O arquitecto de san Giorgio Maggiore sería Andrea di Pietro della Gondola mais trocaría o seu apelido polo de Palladio como un xeito de honrar as Palas Atenea, a deusa grega da sabedoría. Iniciara a súa formación como canteiro pero logo o poeta Gian Giorgio Trissino, guiaríao pola formación arquitectónica. Palladio analizou con interese as obras clásicas, chegando a ser un auténtico experto nelas, de xeito tal que o seu estudo Le Antichitá di Roma (1554) foi considerado durante dous século como a mellor guía das ruínas da Roma Clásica. A influencia da arquitectura romana nas obras de Palladio é máis que evidente, como tamén o é a libre interpretación, e combinación, que fai da mesma. Non direi máis nada deste importantísimo arquitecto do norte de Italia do século XVI, tan só lembrar que sen a súa obra o neoclasicismos e a arquitectura norteamericana do XIX serían imposibles de comprender.
A fachada, que mira ao Gran Canal, está presidida cun gran frontón, con óculo central, superado en altura pola elegante cúpula, columnas de orde xigante que fomentan a sensación de verticalidade ao rachar a cornixa dun hipotético primeiro andar que tiña a aparente intención de constituírse nun primeiro e gran frontón (solución fermosa e novidosa fronte ás ménsulas que se colocaron no Quattrocento florentino para disimular as cubertas das naves laterais). Ademais esas catro columnas, que sobresaen do muros en tres cuartas partes, fomentan a sensación de verticalidade o que fai que a igrexa manteña un tenso equilibrio coas edificacións horizontais próximas. O campanille, foi engadido no século XVIII e volve ser unha referencia visual de Venecia ao complementarse coa Piazza de san Marcos. Tamén é salientable o predominio da cor branca na fachada fronte aos ladrillos vermellos dos muros laterais, ofrecendo unha interesante harmonía cromática.
O desenvolvemento interior da igrexa non é nada frecuente posto que parece unha planta basilical de tres naves pero cun dúas exedras nos brazos menores, semellando que a nave principal sexa un rectángulo con dúas cunchas no cruceiro. Tanto o plano como o alzado interior correspóndese a medidas estritamente calculadas, pero desenvoltos en parámetros diferentes. A nave central, cuberta con bóveda de canón e marcados lunetos, favorece a sensación dunha obran alongada. As naves laterais, coa clásica medidas de ter a metade de ancho ca central, prolóngase máis alá do cruceiro. O presbiterio ten un coro que remate na ábsida. As columnas do interior son de orde composta (xónicas e corintias) apoiadas sobre amplos pedestais e que rematan baixo un destacable entaboamento e unha cornixa moi voluminosa.. estas columnas teñen a súa continuación no exterior coas elegantes piastras que marcan os tramos da nave central.
A cúpula destaca no interior pola súa luminosidade, alternando un van cada tres falso ocos. Posúe unha elegante balaustrada en falsa tribuna, soportada por unha pequena cornixa que reproduce a menor escala os mesmos elementos xeométricos que na nave central. No exterior, a cúpula, marca un elegante contraste co frontón da fachada ao tempo que rivaliza en volume co exterior do transepto.
En conxunto o seu interior destaca pola claridade, a limpeza visual e a creación dun espazo harmónico, a escala humana, podería dicirse, salientado tanto a cúpula sobre pechiñas como a zona do presbiterio. É un magnífico exemplo da arquitectura manierista do norte de Italia ao tempo que unha salientable obra relixiosa do mestre arquitectónico da segunda metade do século XVI.
Bibliografía: MARTON, P., WUNDRAM, M., PAPE, TH. Palladio. Obra arquitectónica completa. 2009 Taschen. O entrecomillado procede da páxina 154.
Primeira fotografía: é de J.L.P. para INICIARTE. Créditos das outras ilustracións.
Entrada dedicada Raúl Sobrino, atleta, experto en fustes clásicos, gran admirador de Palladio e de quen recibín como agasallo o libro citado.
2 comentarios:
Excelente estudio de esta bella, elegante y proporcionada iglesia de Palladio, autor clásico cuando todo el mundo era manierista ya. Saludos, Antonio.
Aínda que non me gusta moito o renacemento,sería fantástico poder visitar algun dia a San Giorgio Maggiore de Venecia
Publicar un comentario