22/2/08

Arquitectura galega contemporánea: César Portela e o Centro de Estudios Avanzados


O arquitecto pontevedrés César Portela é un dos máis sobranceiros arquitectos galegos das últimas décadas do pasado século e primeiras do XXI. Caracterizado por ter traballado con arquitectos de sona internacional (Aldo Rossi, Arata Isozaki, Ricardo Bofill), é, na actualidade, catedrático do Proxectos Arquitectónicos na Coruña. Ten recibido importantes recoñecementos, destacando o Premio Nacional de Urbanismo de 1981 pola intervención no Pazo de Oca e o Premio Nacional de Arquitectura de 1999 pola estación de autobuses de Córdoba. A súa obra en Galicia ten uns fitos moi salientables como poden ser o Faro de Punta Nariga (1995) ou o cemiterio de Fisterra (2002)

Contemplemos, hoxe en Iniciarte, o seu Centro de Estudios Avanzados dependente da Universidade de Santiago de Compostela que en palabras do propio arquitecto é descrito do seguinte xeito:

“Trátase dunha obra edificación eminentemente racional na súa concepción construtiva, que emprega a pedra, o aceiro e o vidro como materiais básicos, pero que non renuncia nin á madeira nin aos estucos. Unha construción de formas puras, concisas, unha caixa de pedra de planta cadrada, formada no interior por dúas caixas prismáticas de igual volume, separdas entre si por unha fenda de luz pola que ascende unha longa e etérea escaleira que comunica todas as plantas. Caixas, contedores tradicionais de espazos, pero sen o máis leve resto de formalismo historicista. O peche de pedra destas caixas, alí onde a funcionalidade o require, transfórmase en vidro para permitir a penetración da luz ao interior e a visibilidade ao exterior.”

Bibliografía: César Portela. Centro de Estudios Avanzados. (2002)
O arquitecto conta cunha fermosa e didáctica páxina web cunha magnífica sección de vídeos. As seguintes fotografías son de Eloy Lozano.

BubbleShare: Share photos - Play some Online Games.

No hay comentarios: