Julio Galán. Vivenda en Praza de Lugo, 22, 1910-1911. A
Coruña
Dentro do Modernismo arquitectónico coruñés, ese que se
caracterizou por un novo concepto unitario da fachada, a re-interpretación da
tradicional galería e a integración estética de diversas profesións
(arquitectura, ebanistería, traballo co vidro ou co ferro), este edificio de
Julio Galán foi sempre o meu preferido. Ademais cono na primavera do 2016
rematouse coa súa rehabilitación, creo que é un bo momento para tirarlle unas
fotos e escribir unas liñas.
Deseñado en 1910 sobre un solar estreito e alongado (8,50
metros na fachada e 34 metros de longo, aínda que só foron ocupados 26 pois 8
ficaron libres como patio) como é o habitual no primeiro ensanche coruñés,
caracteriza a típica vivenda burguesa de inicios do pasado século. Non obstante
hai que salientar que o primeiro deseño carecía de patios interiores e que a
liña do ático estaba recuada con respecto á fachada. Así contaban orixinalmente
de cociña e comedor, que ventilaban ao patio traseiro e que ademais estaban
unidos por unha galería con baños. Debemos lembrar que orixinalmente a galería
non estaba na fachada senón no parte posterior da edificación. Tiña sete
dormitorios dos que cinco ventilaban a dous patios interiores e os outros dous
sen ventilación ao exterior pois o facían a través senllos gabinetes.
Finalmente e na fachada ubicáronse dous gabinetes e unha sa no centro, dando
lugar aos tres ocos da fachada.
A planta definitiva foi estruturada a partires da escaleira
interior de catro tramos e un corredor central que artella toda a distribución
interior.
A fachada de tres ocos, como xa dixen, ten galería no
central e balcón nos lados. A galería central percorre os tres primeiros
andares, tendo o cuarto tres balcóns.
A fachada é dunha grande riqueza ornamental, con todo un
grande abano de motivos decorativos tanto na madeira da galería coma no ferro
dos balcóns e mesmo os curiosos “ollos”
sobre fondo vexetal do último andar. Poderíanse salientar os seguintes elementos
decorativos, ademais dos “ollos”:
cenefas con motivos florais, dentículos xeometrizados, capiteis, claves,
ménsulas, diferentes tipos de pilastras en cada andar, rexerías de portas e
balcóns.
A galería central da fachada vai “adelgazándose” visualmente
a medida que gaña altura xa que as pezas de apio van variando en cada andar.
Bibliografía:
Fernández Cobián,
Esteban, A Coruña. Guía de Arquitectura. A Coruña, COAG, 1998.
Martínez Suárez, Xosé Luis e Casabella López, Xan. Catálogo de
Arquitectura. A Coruña, 1890-1940. A Coruña, COAG, 1989.
No hay comentarios:
Publicar un comentario