4/4/16

Van Gogh: Habitación en Arlés

1888, óleo sobre lenzo,72 cm x 90 cm, Museo Van Gogh, Amsterdam

En outubro de 1888 Vicent Van Gogh envioulle unha carta ao seu irmán Théo en París co seguinte texto:

“En fin, envíoche un pequeno esbozo para darche unha idea ao menos do xiro que toma o traballo. Porque hoxe volvinme a poñer á tarefa. Teño os ollos fatigados todavía; pero en fin, tiña unha idea nova na cabeza e este é o esbozo. Sempre tea de 30. Esta vez é simplemente o meu dormitorio; só que a cor debe predominar aquí, dando coa súa simplificación un estilo máis grande ás cousas e chegar a suxerir o repouso ou o soño en xeral. En fin, coa vista do cadro debe descansar a cabeza ou máis ben a imaxinación.

As paredes son dun violeta pálido. O chan é a cadros vermellos.

A madeira do leito e as cadeiras son dun amarelo de manteiga fresca; a saba e as almofadas, limón verde moi claro.

A colcha, vermello escarlata. A fiestra, verde.

O lavabo, alaranxado; a cubeta, azul.

As portas, lilas.

E iso é todo-nada máis nese cuarto cos postigos pechados.

O cadrado dos mobles debe insistir na expresión do repouso inquebrantable. Os retratos na parede, un espello, unha botella e algúns vestidos.

O marco -como non hai branco no cadro- será branco.

Isto, para tomarme o desquite do repouso fozado a que estiven obrigado.

Traballarei aínda todo o día de mañá; pero xa ves que simple é a concepción. As sombras e as sombras proxectadas están suprimidas; foi coloreado con tintes planos e francos como os crespóns. Isto vai contrastar con, por exemplo, A dilixencia de Tarascón e o Café nocturno. 

Non che escribo máis longo porque vou comezar mañá moi cedo, coa fresca luz do amencer, para acabar a miña tea".

Vicent Van Gogh. Cartas a Théo. Barcelona, Idea Books, 1999, pp.284-285

Da wikipedia, ademais das ilustracións, tiramos a seguinte información: 

O cadro representa o dormitorio de Van Gogh no número 2 da Place Lamartine en Arlés, Bocas do Ródano, Francia, coñecida como a Casa Amarela. Era a primeira habitación propia que tiña Van Gogh. Nela estivo en 1888-1889. Pintouno antes da chegada a Arlés de Paul Gaugin.

A porta á dereita abríase á planta superior e a escaleira, a porta da esquerda servía para a habitación de invitados que preparou para Gauguin. Sobre a parede da fronte ábrese unha fiestra, por encima dunha mesita, lixeiramente descentrada. Esta fiestra daba á Place Lamartine e os seus xardíns públicos. Pero o panorama máis aló da fiestra non pode verse.

A habitación non era rectangular senón trapezoidal, cun ángulo obtuso na esquina esquerda da parede frontal e un ángulo agudo na dereita. Van Gogh evidentemente non dedicou moito tempo a este problema, simplemente indicou que alí, dalgún xeito, había unha esquina.

É un aloxamento modesto, con pouco mobiliario, feito de madeira de piñeiro: unha cama á dereita, un percheiro, dúas cadeiras, unha mesiña de madeira no ángulo e cadros nas paredes.

Van Gogh consideraba que era a mellor obra realizada durante a súa estancia en Arlés. A tea nunca abandonou o patrimonio de Van Gogh e está en posesión da Fundación Van Gogh, en exposición permanente no Museo van Gogh de Ámsterdam.

Segunda versión
1889, óleo sobre lenzo, 72 x 90 cm, Art Institute de Chicago

En abril de 1889, van Gogh enviou a versión inicial ao seu irmán lamentando que resultou danada pola inundación do Ródano, mentres el atopábase ingresado no hospital de Arlés. Theo propúxolle devolverllo para que o copiase antes de restauralo, o que expresaba a admiración de Theo por este cadro.

Esta repetición á escala orixinal (o término de Van Gogh é répetition) executouse en setembro de 1889. Ambas pinturas foron devoltas entón a Théo.

Desde 1926 está en poder do Art Institute de Chicago.


Terceira versión
1889, óleo sobre lenzo, 57,5 x 74 cm, Museo de Orsay, París

Cando Van Gogh, finalmente, no verán de 1889, decidiu refacer algunhas das súas «mellores» composicións nun tamaño menor (o término que usou foi réductions) para a súa nai e a súa irmá Wil, O dormitorio atopábase entre os que escolleu.

Estas réductions, acabadas a finais de setembro de 1889, non son copias exactas.

Esta terceira versión, previamente en poder da irmá de Van Gogh, Willemien e máis tarde adquirida polo Príncipe Matsukata, entrou nas coleccións nacionais francesas en 1959, despois do acordo de paz franco-xaponés, e forma parte da exposición permanente do Museo de Orsay en París.

Máis información sobre o contexto artístico e a análise da obra en... aula.

No hay comentarios: