En 1949 a Fortaleza de Salvaterra é declarada Ben
de Interese Cultural e en época recente o concello de Salvaterra de Miño fíxose
coa propiedade do castelo e iniciou un plan de rehabilitación. A fortaleza
atópase en bo estado de conservación, aberta ao acceso público como espazo
cultural. Forma parte do Programa Fortrans aprobado en 2006 co obxectivo de
recuperación e revalorización das fortalezas fronterizas en ambas marxes do río
Miño.
O benquerido amigo Moncho Boga escribiu o seguinte sobre as
orixes desta fortaleza ao tempo que nos resume a súa historia na Idade Moderna:
“parecioles mui forte
con buenas cercas, con sus torres, y en circo y barreiras y ponte levadiza
vieron que no la podían combatir, porque estaban dentro buenos setenta homes
bien armados con muchos otros…” Vasco da Ponte
Atópase en Salvaterra, nas ribeiras do Miño, fronte a
Portugal, e constituía una das cinco fortalezas do primeiro tramo defensivo co
país veciño. Os poucos restos medievais mestúranse cos dun Castelo abalaustrado
do século XVI, cando se producen novas necesidades para a defensa.
A historia do Castelo está vencellada á do condado de
Salvaterra, sendo a orixe froito do señorío que o rei de Galicia Vermudo II lle
concedeu á igrexa compostelá. No século IX fórmase a vila gracias a Afonso IX,
que lle concedeu foro de reguengo para que se puidera defender dos abusos
feudais. Sendo condado da familia dos Sarmiento, que enlazaron por casamento
cos Soutomaior, Pedro Madruga, conde de Camiña, prendeu no Castelo de Salvaterra
a García Sarmiento e a Fernán de Camba, ata que foron liberados polas mesnadas
do conde de Monterrei e as do arcebispo Fonseca, logo dunha sanguenta batalla.
O troco da praza forte pola liberdade dos dous nobres, deu lugar a una cantiga
popular que aínda hoxe se recorda:
“Salvaterra, Salvaterra,
onde estiven en
prisións,
non te chamen Salvaterra,
que te chamen salvahomes”.
No século XV acúñase o nome de Salvaterra e Filipe III, no
século XVII, concedeulle a Diego Sarmiento de Soutomaior o título de conde de
Salvaterra. Seguramente este feito foi o detonante para que os portugueses
conquistaran a vila, unindo Salvaterra con Monçao por medio dunha ponte. A
reacción española non se fixo esperar: a operación de reconquista levada a cabo
por Rodrigo Pimentel que, entrado en Portugal, obriga a se render ao portugués
Almeyda, liberando a vila de Salvaterra no ano 1699. No Castelo de Salvaterra
sitúa Calderón de la Barca a acción da súa obra Luis Pérez, el Gallego.
No rueiro da vila ou do Castelo aínda se poden ollar algún
restos da fortaleza, que posuía boas cercas e torres, encinto e barreira, coa
súa ponte levadiza. Hai algún restos da muralla, portas de arco apuntado e
garitóns, as ruínas da casa do gobernador, alxubes e cabalerizas…, así como o
soto abovedado, ao que se accede por escaleiras de caracol, coñecido co nome de
“covas de dona Urraca”.
Segundo a información facilitada polo Concello de Salvaterra
as actuais murallas son do século XVII. O enxeñeiro francés autor das obras de
fortificación de Salvaterra é, con toda seguridade, o enxeñeiro maior Carlos de
Lessar, que se atopaba traballando na fronteira da raia seca, na provincia
portuguesa de Tras os Montes.
Para a construcción
das murallas modernas utilizouse a pedra do convento franciscano que había
preto de Salvaterra. Este enxeñeiro é tamén o autor das amplas estancias
abovedadas coñecidas como as covas de Dona Urraca, e que teñen a
particularidade de estar comunicadas a través dunha escaleira dun só eixo,
única no pais.
Nos recentes
traballos levados a cabo polo Concello en base ó plan director do Castelo de
Salvaterra de Miño para a recuperación e posta en valor da fortaleza de
Salvaterra, unha empresa realizou os traballos e catas arqueológicas, ademáis
de recabar datos sobre a antiga fortaleza: traballouse na rampa de acceso ao castelo, e os datos iniciais sobre a o recinto amurallado confirmáronse ó
aparecer restos da antiga muralla que circundaba a fortaleza e que, nesa zona,
foi destruída en parte para abrir unha porta pequena que facilitase o acceso ás
carruaxes de cabalos a finais do século XIX.
Os arqueólogos tamén
poideron constatar no lenzo da muralla o sistema constructivo e a existencia de
troneiras para os cañóns. Localizouse tamén a base dun dos asentamentos dos
cañóns que defendían a fortaleza, feito en sillería de granito, e documentouse
por vez primeira a existencia dun foxo que rodeaba a muralla en torno a actual
rúa Marqués de Viana.
Na praza do Castelo,
o pé do cruceiro, apareceron restos dun antigo cemiterio, ademáis de solos e
lenzos de muros da antiga fortaleza.
Igrexa de San Lourenzo
Nun principio foi
capela do recinto amurallado, pasando moi pronto a desempeñar funcións de
igrexa parroquial de Salvaterra. Construída no século XIII foi ampliada tres
séculos máis tarde. A súa fachada é moi sinxela, de estilo renacentista. No seu
altar maior destaca a talla do Santísimo Cristo da Victoria, datado do ano
1733.
Hai pouco tempo presentouse unha tese de doutoramento sobre as defensas nas beiras do Miño, así como a web Fortalezas.
Referencias documentais:
Ramón Boga. Guía dos Castelos medievais de Galicia. Vigo,
Xerais, 2003, pp-264-265
No hay comentarios:
Publicar un comentario