11/11/13

Arquitectura románica na Ribeira Sacra

Hai xa algún tempo puiden gozar dunha parte do románico da Ribeira Sacra da man de Raúl Sobrino. Foi unha viaxe curta e intensa da que vos irei dando conta nas vindeiras entradas.  A xeito de introdución, poño o seguinte texto do profesor Izquierdo Perrín.


A construción de san Xoán de Portomarín xerou un importante obradoiro no que colaboraron unha serie de canteiros que difundiron este estilo por extensas zonas da actual provincia de Lugo en datas que xiran arredor do ano 1200 e que chegan ata finais do primeiro cuarto, ou incluso do primeiro terzo, do século XIII; esta propostas coinciden con outras orientacións artísticas que se desenvolveron naquela época.

(…) Ó longo do curso dos ríos Miño e Sil, no percorrido de terras de Lugo, levántanse pequenos mosteiros que, en xeral, coñeceron unha etapa de esplendor entre os últimos anos do século XII e durante o primeiro cuarto do XIII; isto leounos a construír novas igrexas que constitúen un magnífico expoñente das diferentes tendencias artísticas nesa zona durante aqueles anos.

Unha destas tendencias, a que produciu obras de maior calidade e interese, partiu do obradoiro de san Xoán de Portomarín e os seus Mestres traballaron en santo Estevo de Ribas de Miño, onde tamén se deixou sentir o eco do obradoiro da catedral de Ourense. 

San Estevo de Ribas de Miño

Case en fronte, na outra beira do Miño,levántase o abandonado templo de santa María de Pesqueiras, dependente de Ribas de Miño e merecente de mellor sorte. Practicamente na confluencia dos ríos Miño e Sil sitúanse os templos de san Xoán da Cova e santo Estevo de Atán, un fronte ó outro, e tan similares en diferentes detalles que parecen obra dun mesmo artista. En relación con estas obras encóntrase a igrexa de santa Baia de Búbal; nos capiteis desta igrexa percíbense receitas ornamentais dos principais edificos da zona. Por último, nunha vertente do Sil, preto da foz no Miño, ergueuse san Vicente de Pombeiro, que pecha este grupo de edificios, entre os que se encontran algún dos mellores de Galicia e converte os ríos en vías de difusión artística".


Ramón Izquierdo Perrín. Arte Medieval (I). Galicia. Vol X. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 234-235

2 comentarios:

Gonzalo Durán dijo...

Aún recuerdo emocionado la llegada a Portomarín durante una de mis etapas en el Camino de Santiago, y la imagen majestuosa de su templo al partir al día siguiente .

Unknown dijo...

Efectivamente, Gonzalo, una iglesia espectacular.