Loxicamente a arte de inicios do século IV a.C. é unha
continuación da anterior. Deste xeito, os rostros das esculturas seguen uns
parámetros semellantes coa mesma expresión serea, as posturas gardan o
equilibro relaxado e as vestimentas continúanse facendo con transparencias,
combinando tamén os pregues máis pesados.
Como escultores máis sobranceiros dos primeiros anos
deste século IV cabería citar a Hectóridas, Timoteo ou a Trasimedes que
traballaron en Epidauro, no templo de Asclepio.
Pero tamén neste anos iniciais imos podendo observar
algunhas leves modificación artísticas, probablemente relacionadas coas
penalidades producidas pola guerra do Peloponeso (431-404 a.C.) e a influencia
de poetas e filósofos como Eurípedes, Sócrates e os sofistas que ían
transformado o xeito de pensar da cidadanía. Así irase pasando do antigo ideal
despersonalizado á busca do carácter individual, máis humanizado. As expresións
dos rostros amosarán unha suavidade melancólica, emocionada; as actitudes tórnanse
máis tortuosas e o drapeado represéntase con maior naturalismo, sen esaxeradas
transparencias nin contrastes violentos.
Cefisódoto. Irene e Plutón. Glyptothek de Múnic. Copia romana
Probablemente
quen entendeu os cambios que se estaban a producir foi Cefisódoto o Vello,
artista moi ben relacionado cos ambientes políticos de Atenas, entre outras
cousas porque a súa irmá casara cun importante persoeiro do momento, Foción.
Cefisódoto recibiu o primeiro gran encargo do que se
teñen novas tras a guerra do Peloponeso por parte de Atenas, a alegoría da paz
con Esparta. Xa Pausanias (IX, 16, I) alude a esta obra como unha estatua de
Irene (a Paz) cun neno (Pluto ou Plutón) que representaba a Abundancia no seu
colo. Hoxe consérvanse varias copias romanas desta peza sendo a máis completa a
de Múnic.
Con esta representación da Paz como nai da Abundancia,
iníciase o denominado Segundo Clasicismo
Tras estes primeiros anos do século IV xurdirán
grandes escultores que dominaran a arte
do mesmo xeito que Fideas e Policleto fixérono no V: Praxíteles de
Atenas, Escopas de Paros e Lisipo de Siquión.
A maxestosa dona érguese coma unha matrona clásica
cunha vestimenta que lembra Fideas xa que os seus amplo e pesado pregues
abandonan o denostado estilo postfidíaco. Mesmo o emprego do peplo, prensa que
xa non se empregaba, pode semellar un desexo de retornar ás vellas tradicións.
Mais tamén temos xa síntomas dunha nova arte: a douzura da deusa ao mirar ao
neno, o contacto psicolóxico coas miradas, o abandono do neno da representación
dun adulto de reducido tamaño…
É importante sinalar que esta obra probablemente sexa
a primeira gran composición alegórica da estatuaria grega, xa que expresa unha
idea abstracta (“a paz como orixe das riquezas¨), algo ata agora non realizado
a non ser nalgunha peza cerámica.
A introdución do sentimento e dun certo realismo ao
tempo que se conservan os ideas clásicos, pode ser a gran achega de Cefisódoto.
Estas características estarían chamadas a ter un grande éxito en Atenas nas
seguintes centurias.
Información procedente de Artehistoria e Gisela M.A.
Richter. El Arte Griego. Barcelona, Destino, 1980.
No hay comentarios:
Publicar un comentario