17/10/11

O Arco de Tito




Para celebrar a vitoria dos romanos sobre os xudeus en Palestina, tras a súa revolta (66-73) edificouse o Arco de Tito. Foi mandado levantar por Dominciano (dinastía Flavia), no ano 81 tras a morte do seu irmán Tito Flavio Vespasiano. Está situado na entrada sudoeste do Foro Imperial, na Vía Sacra e ao carón do Anfiteatro Flavio. É un dos tres grandes arcos de trunfos conservados nesta zona de Roma. Descoñecemos o nome do seu autor xa que como era habitual este carecía de importancia social.
É unha obra civil realizada para conmemorar determinados feitos salientables na historia da cidade. Probablemente a súa orixe estea na arquitectura efémera dos etruscos. Na actualidade consérvanse máis de cen arcos de trunfo espallados por todo o imperio. Os arcos de trunfo poda que sexan o tipo de obra que mellor reflicten o senso que os romanos daban á arquitectura como testemuña da grandeza do poder. Será unha tipoloxía construtiva con fonda repercusión na historia arquitectónica occidental.
Cunhas medidas de 15,40 por 13,50 metros, levántase sobre un pódium elevado, constando dun só arco de medio punto con bóveda de canón e casetóns no seu interior. Ten unha combinación de arco e lintel, tan característica da arquitectura romana, que se consegue mediante as enxoitas, situadas nun plano inferior. A cada lado aséntanse dúas columnas de orde composto con hornacinas rectangulares de pequeno tamaño. O entaboamento está formado por un delgadísimo arquitrabe de tres bandas e un friso que representa o desfile triunfal das lexións romanas e unha cornixa que soporta o ático. A parte central desta zona superior contén a dedicatoria do senado romano ao xeneral Tito: “O Senado e o pobo romano ao divino Titus Vespasiano Augusto, fillo do divino Vespasiano”.
No interior do arco podemos apreciar relevos alusivos á vitoria romana en Xerusalén. No lado norte apréciase a representación dos portadores de fasces (unión de trinta varas) que preceden ao emperador coroado coa vitoria na súa cuádriga quen vai seguido dunha moza co peito descuberto en representación do pobo romano e un home con toga, representando ao Senado. No lado sur vese a procesión a través da Porta Triumphalis, coas reliquias do templo de Xerusalén, a Menorah (candelabro de sete brazo) o altar de ouro, as trompetas de prata… é o desfile triunfal da lexión (representada polo seu escudo e o seu nome) levando o botín do templo de Salomón.

Estes relevos están realizados con diferentes graos de profundidade
(desde un altísimo relevo en primeiro plano ata unha leve insinuación no fondo), o que xenera fortes contrastes de luces e sombras. Ademais, e para aumentar a ilusión espacial de profundidade, deberíamos lembrar estarían pintados.
Ao igual que outras obras arquitectónicas romanas (lembrade as entradas sobre a arquitectura romana e en especial sobre o Panteón), o arco de Tito tamén tivo unha historia bastante accidentada. Así, sabemos que foi incorporado ás fortificacións medievais de Roma, facendo a función de porta, ata que, paseniño paseniño, foi caendo nun estado ruinoso tal e como se pode apreciar no gravado de Giovan Battista Piranesi de 1748 ao quedaren só en pé o arco central. É moi interesante a entrada de Luz rasante sobre a reedificación deste arco de trunfo. Resumidamente podemos anotar en 1822, Vladier foi o encargado de volver poñelo en pé. Para iso, reconstrúe os laterais con travertino (xa non mármore do Pentélico) facendo unha labra con formas sinxelas. Foi necesario a desmontaxe completa do arco central para logo volvelo a edificar co obxectivo de arranxar os graves problemas estruturais que amosaba.
Esta reedificación do arco foi sempre moi ben valorada e serviu de modelo para outras, mais débese anotar que non foi realizada segundo uns criterios de conservación do patrimonio senón consecuencia de falta de cartos para realizar outra “mellor”.
As fotos, como case sempre son de INICIARTE, cun algún préstamo do benquerido Beni N. Máis fotos na wikipedia.

1 comentario:

Beni dijo...

Magnífico artigo e mellores fotos aínda.