4/3/11

O Greco rexeitado por Filipe II: O martirio de san Mauricio

Cal sería a causa pola que o pintor manierista con máis recoñecemento na actualidade foi rexeitado na corte? Como é posible que todo un artista que conta cunha obra moi admirada polos seus coetáneos non fora do gusto de Filipe? É comprensible que un pintor tan amante dos cartos como foi O Greco desaproveitara a ocasión de contar co favor real?

Martirio de San Mauricio. O Greco. 1580-82.
Mosteiro de san Lourenzo do Escorial.
Óleo sobre lenzo, 448x301 cm.

Iremos pouco a pouco. Tras o paso de Doménicos Theotocópoulos por Venecia e Roma, sabemos da súa presenza en Toledo no verán de 1577 pois nun documento fálase de que percibiu 400 reais a conta pola realización do Expolio. Nese tempo tamén realiza varias obras de Santo Domingos. Cando, en 1579, morre Navarrete o mudo, Filipe II quedou sen o seu principal artista para a decoración do Escorial polo que buscou pintores consagrados para continuar a inxente obra que aínda restaba por facer. Un dos escollidos foi O Greco. Recibe o encargo da realización dun gran lenzo sobre o martirio de san Mauricio destinado, en principio, a un dos altares laterais da igrexa do Escorial porqu
e Filipe II gardaban, xuntos con outros miles, reliquias deste santo, considerado como un dos santos patróns na loita contra a herexía (como tamén foi considerado o rei pola súa loita contra os musulmáns)

A historia deste santo é a seguinte: a fins do século III san Mauricio coa súa lexión de soldados exipcios ao servizo do emperador de Roma foi trasladado ata as Galias onde reciben a orde do propio emperador Maximiliano (cantos mártires debe o cristianismo a este romano…) de realizar varios sacrificios a deuses romanos. Mauricio e os seus soldados néganse polo que serán martirizados: un total de 6.666 (que ben contaban aqueles cristiáns)

O cadro aparece moi ben descrito en Artehistoria do seguinte xeito:

A figura de San Mauricio -vestida cunha coiraza azulada e barbado- aparece na zona dereita do lenzo, en primeiro plano. Está acompañado dos seus capitáns, no momento de decidir se efectúan o sacrificio aos deuses pagáns. Á súa esquerda contemplamos a San Exuperio co estandarte vermello. Xunto a eles atóp
ase un home con barba, vestido con túnica, que foi identificado con Santiago o Menor, quen converteu a toda a lexión ao Cristianismo. Entre eses militares destacan dous, situados entre o santo e a figura que porta o estandarte. O de idade máis avanzada é o Duque Enmanuel Filiberto de Saboya, comandante das tropas españolas en San Quintín e Gran Maestre da Orde Militar de San Mauricio. Á súa dereita, e máis cerca do santo, sitúase Alexandre Farnesio, duque de Parma, quen estaba naqueles momentos loitando nos Países Baixos contra os holandeses. Nos planos do fondo, onde se desenvolve o martirio, atopamos o retrato de Don Xoán de Austria, o fillo natural de Carlos V e vencedor da batalla de Lepanto. Todas as figuras visten uniforme militar do século XVI, unindo ambos os feitos: a loita dos xenerais españois contra a herexía e o paganismo, igual que fixo San Mauricio. Nun segundo plano contemplamos o episodio máis importante: o martirio. Os lexionarios sitúanse en fila, vestidos con túnicas semitransparentes ou espidos, que esperan a quenda para ser executados. O verdugo sitúase de costas, sobre unha roca, e xunto a el vemos de novo a San Mauricio, reconfortando aos seus homes e agradecendo a súa decisión. Un home degolado reforza a idea do martirio, exhibindo un forte escorzo. A parte superior do lenzo complétase cun Rompimiento de Gloria formado por anxos músicos, mentres outros portan palmas e coroas de triunfo. Estas figuras tan escorzadas contraponse á quietude da zona principal. A escena desenvólvese nun pedregal”.

Expliquemos agora porque esta obra non foi do agrado do monarca.

Probablemente este lenzo será a obra máis meditada, reflexiva, de lectura complexa e intelectual das realizadas polo pintor nons seus primeiros anos de estancia en Castela. Quería amosarlle a Filipe II de canto era capaz de facer, de canto aprendera do seu paso por Italia, pois sabía do gusto italianizante do monarca. Por esta razón quixo realizar unha obra con moitas lecturas, unha, diríase, sofisticada. Mais… non foi do agrado do seu destinatario quen tras pagala decidiu que non se colgara no lugar inicialmente previsto dentro da basílica. O monarca, fiel seguidor dos criterios artísticos expostos no Concilio de Trento, profundo crente contrarreformista, desexaba unha obra sinxela, clara, que emocionara e conmocionara nada máis ser vista.

Anos despois de rematada a obra o pai Sigüenza, conselleiro real e bibliotecario do Escorial escribiu:
Dun Dominico Greco que agora vive e fai cousas excelentes en Toledo, quedou aquí un cadro de san Mauricio e os seus soldados (…); non lle agradou á súa Maxestade (…), porque contenta a poucos, aínda que digan que é de moita arte e que o seu autor sabe moito, e vense cousas excelentes da súa man. Nisto hai moitas opinións e gustos (…) pos santos hanse pintar de xeito que non quiten a gaña de rezar neles, antes poñan devoción, pois o principal efecto e fin da súa pintura ten que ser esa.”

A conclusión, que diría calquera alumno/a de 2º de bacharelato é que O Greco pasouse de listo.

Bibliografía: José Álvarez Lopera. El Greco. Madrid, Akal, 2001. Entrecomillado da páxina 27.

Créditos da imaxe do detalle.

No hay comentarios: