Pouco podemos saber das edificacións anteriores á actual basílica compostelá. Desde finais do século XIX (López Ferreiro) e en varias campañas do século XX (Chamoso Lamas), fixéronse obras de restauración e mellora da catedral, sendo preciso tamén facer campañas arqueolóxicas. Do conxunto das escavacións e de textos dos expertos sobre a catedral podemos concluír que a primeira edificación mandada levantar por Afonso II O Casto era pobre e de pequeno tamaño, tería unha soa nave rectangular, edificada con aparello de formigonado, ladrillos, tégula e cachotes.
Segundo lembra Fernando Aznar, a finais do IX faríase unha nova edificación de maior tamaño, baixo o financiamento de Afonso III e o pulo do bispo Sisnando. Vai ser un igrexa de clara influencia asturiana, comezando ás obras no 872 ao derrubar o anterior edificio. Despois de 24 anos, con varios períodos de inactividade, rematarase a nova basílica en xuño de 896, sendo a consagración en maio de 899.
Ilustración na que se aprecia a planta da catedral románica e en marrón a basíica de Afonso III.
Gran parte dos especialistas afirman, que por influencia merovinxia, faranse un conxunto con tres edificacións: unha igrexa dedica á virxe (a Corticela), un baptisterio dedicado a san Xoán Evanxelista (recinto rectangular de 7,60x 6 m onde se practicaría o bautismo por inmersión) e un templo para o apóstolo Santiago. O templo tería catro portas de acceso, cun muros de cachotería, con cantos reforzados por perpiaños (polo tanto de maior calidade que a igrexa de Afonso II) e o interior decorado con mármores, basaltos e pórfidos de distintas cores. A basílica tería tres naves, separadas por piares de sección cadrada, sendo a central de maior altura cas laterais o que permitiría a entrada de luz polos típicos vans asturianos con celosías. A cabeceira contaba cun gran presbiterio, sendo rectangular e acollería o mausoleo apostólico .Á zona do presbiterio accederíase por dúas escaleiras laterais desde as naves menores. Diante das naves existiría un pórtico cuberto, aínda que aberto á fonte e aos lados, cun pavimento máis baixo que o da igrexa.
Reconstrución da basílica de Afonso III, sobre ela apréciase a capela de santa María da Corticela e o mosteiro de Antealtares coa igrexa de san Salvador.
Hai outros especialistas (Moralejo e López Alsina) que pensan que os altares adicados a san Pedro, san Xoán Evanxelista e ao Salvador non estarían dentro da basílica Compostela, senón na inmediata do mosteiro de Antealtares.
A comezos do século XII as obras da catedral románica avanzaban cara ao oeste pero aínda non se derrubara a basílica asturiana de Afonso III.
Bibliografía:
Fernando Aznar. O camiño da Santiago. Xerais, 1990 (versión galega do amigo Miguel Anxo Seixas) Ilustracións das páxinas10-11, 36 e 37.
Manuel Núñez. Arquitectura prerrománica. Historia da arquitectura galega. Colexio de Arquitectos de Galicia, 1978.
Ramón Yzquierdo Perrín. Arte Medieval (I). Proxecto Galicia-Arte, tomo X. Hércules ediciones, 1993.
No hay comentarios:
Publicar un comentario