21/5/08

Krank LLoyd Wright e o Museo Guggenheim de Nova York: a derradeira obra


As características máis salientables deste arquitecto estadounidense veñen marcadas pola historia, a natureza, por unha nova linguaxe que nace de presupostos antagónicos da arquitectura europea, pola máquina e a técnica, pola ideoloxía agraria. Todo iso ponno de manifesto nas súas máis que coñecidas residencias unifamiliares, as “Prairie Houses", ou na famosa Vivenda Kaufmann.


Discútese moito se a arquitectura orgánica de Wright, discípulo de Sullivan e Richardson, mestres da Escola de Chicago, pretende integrarse na natureza ou dominala. Sen dúbida, e a pesar da utilización de formas orgánicas, o emprego do formigón axuda a entender a súa arquitectura nun claro posicionamento de dominador da natureza. Cada unha das súas obras teñen uns condicionantes de seu, nun pretendido equilibrio entre o rigor da liña recta (coñecedor da arquitectura moderna europea) e o dinamismo da curva.

Sen dúbida a concepción máis impactante do Museo Guggenheim de Nova York é o concepto de circulación interna dos seus usuarios e usuarias: desde a entrada acceden ao andar superior e desde aí van vendo as pezas expostas ao tempo se se vai baixando por unha rampla ao redor dun patio central cuberto cun gran lucernario. A idea de Wright era que mentres na maioría dos museos para poder ver as colección os visitantes teñen que percorrer grandes distancias por longuísimos corredores e, para unha ver rematada a visita, volver desandar o xa andado. Con esta idea, o arquitecto solucionaba o problema da circulación dos visitantes. Ademais as paredes non son perpendiculares ao chan, senón que teñen unha pequena inclinación para poder contemplar mellor as pinturas expostas. No exterior, destaca a forma helicoidal do seu formigón.

O comitente da obra, hoxe en día a súa fundación é toda unha experta no márquetin museístico, Solomon R. Guggenheim, ficou encantado con esta idea do xa ancián arquitecto. Mais Solomon non chegaría a velo posto que morreu en 1949 e o museo non comezou a súa construción ata 1956, a pesar de que o proxecto era de 1943, debido a numerosos contratempos (problemas de emprazamento, regulamentos construtivos, aumento de custes, etc) Durante a súa construción foi recibida nas oficinas da dirección do museo unha carta asinada por moitos artistas nas que rexeitaban a idea da rampla e da inclinación das paredes por non consideralas axeitadas para un museo.

Esta obra, o derradeiro proxecto de Wright, é o testamento da súa obra como un exemplo do artellamento do espazo como plasmación da plasticidade das formas orgánicas.

Cando o 21 de outubro de 1959 foi inaugurado, o seu deseñador xa levaba morto varios meses.

Non me resisto a deixar este post sen aludir un pouco á biografía deste arquitecto. É tan espectacular, tan pouco corrente, que mesmo foi o libreto para unha ópera (“Shining brow”)





Non se sabe en que ano naceu (entre 1867 e 1869) nunha familia de emigrantes británicos. O seu pai, inglés, era predicador, e a súa nai, galesa, quedou obsesionada co coidado do fillo, divorciándose do seu marido. Frank casou con Catherine Tobin, tendo seis fillos, mais cando o arquitecto contaba con 42 anos, abandou o fogar, marchando a Europa coa muller dun rico cliente de Chicago, polo que non volveu traballar nesa cidade.. Cando regresan de Europa, en 1911, instaláronse en Taliesin que é o nome dun poeta galés, pero que en inglés tradúcese como “Shining brow” ou cima resprandencente. Un criado incendioulles a vivenda en 1914, morrendo a súa segunda parella, coa que non casara, dous fillos e outras tres persoas. Decontado namorouse dunha morfinómana, Miriam Noel, coa casaría en 1923, pero separouse aos seis meses. Posteriormente uniuse a Olgivana Ivanona, unha bailarina coa que tivo o seu sétimo fillo pero Miriam non llo perdoou, perseguíndoos e conseguindo que encarceara a Wright. En 1928 divorciouse de Miriam pero esta localizounos e destrozoulles a súa nova vivenda. E todo isto nunha soa vida. Increíble.

>

Bibliografía:

Giulio Carlo Argan. El arte moderno. 1983

Bruce Brooks Pfeiffer. Wright. 2004

Delfín Rodríguez Ruíz. Tranformaciones de la arquitectura en el siglo XX. 2002

3 comentarios:

Sarinsky dijo...

Desde que descubrí la magnífica y preciosísima casa Kaufmann, Wright se ha convertido en el mejor arquitecto del s.XX para mi,junto con Corbu.

Un estupendo trabajo con este post, la verdad es que el museo Guggenheim de Nueva York le da mil vueltas al de Bilbao.

Antonio Martínez dijo...

E que non se poden comparar o de New York é arquitectura e o de Bilbao é unha escultura con espazo no seu interior

O Segrel do Penedo dijo...

Señor, un par de días sen tempo para visitarte e canto que disfrutar e aprender!!
Parabéns.
Apertas dende Fene