8/8/16

O Estadio de Olimpia


O Estadio do sitio arqueolóxico de Olimpia (Grecia) está situado ao leste do santuario de Zeus. Era o lugar onde se celebraban moitos dos eventos deportivos dos Xogos Olímpicos da Antigüidade.

Sobre o deporte na Antiga Grecia, recomendo que visitedes Arel-Arte.



Para os antigos gregos, o estadio era un lugar sagrado, xa que era nel onde se realizaban as actividades deportivas dedicadas ao deus Zeus. Orixinalmente, o estadio atopábase dentro do témenos, e os espectadores podían seguir as carreiras desde as ladeiras do monte Cronos. A súa ubicación foise trasladando paulatinamente cara ao leste ata que chegou á súa actual situación a principios do século V a. C. O Estadio está comunicado co santuario por unha pasaxe con bóveda de pedra.

Os Xogos celebráronse entre o 776 a. C. e o 393 a. C. Aínda que as lendas gregas suxiren que os Xogos celebrábanse ata antes, no século XI ou X a. C. , na Idade de Bronce, non hai rexistros antes dos xogos organizados durante as festas de Zeus de 776 a. C. Ao principio celebrábanse cada catro anos e a mediados de «gran ano» (o gran ano era un sistema dos antigos gregos para diferenciar entre anos solares e lunares).

A entrada ao Estadio realizábase, como na actualidade, a través da Cripta, que foi construída na época helenística (século III a.C.). Trátase dun corredor longo, de 32 metros de lonxitude, cuberto cunha bóveda, en cuxo extremo oeste construíuse un propíleo corintio en época romana. A ambos lados da entrada había dúas estatuas de Némesis-Tique, que hoxe en día se expoñen no Museo da Historia dos Xogos Olímpicos da Antigüidade. A través da Cripta entraban no Estadio atletas, xuíces, personalidades e sacerdotes, mentres que os espectadores facíano polos taludes.


O Estadio que contempla o visitante actual é o terceiro por orde cronolóxica e data do século V a.C. Os dous anteriores, da época arcaica, atopábanse no interior do Altis. O Estadio II, datado a comezos do VI a.C., estendíase ao longo da terraza dos Tesouros. Era un simple espazo plano, sen taludes, co seu lado occidental cara ao Altar de Zeus, diante do cal terminaban os atletas. Posiblemente atopásese tamén no mesmo lugar o Estadio máis antigo, dado que desde o 776 a.C. os Xogos celebrábanse sen interrupción. A finais do VI  a.C. desprázase lixeiramente cara ao leste e nos lados longos do mesmo créanse taludes para os espectadores (Estadio II). O emprazamento dos estadios antigos dentro do Altis demostra o carácter claramente relixioso dos Xogos.

A principios do século V a.C., cando os Xogos chegaron ao seu apoxeo, o Estadio adquiriu a súa forma definitiva. A continuamente crecente participación de atletas, así como de espectadores procedentes de todos os recunchos do mundo, impuxo a creación dun Estadio máis grande. A pista atlética desprázase 82 metros máis ao leste e 7 metros cara ao norte, á vez que se crean taludes en todos os lados (Estadio III). Aproximadamente a mediados do IV a.C., cando se construíu a Stoa de Eco, prodúcese o illamento definitivo do Estadio do sagrado Altis. Este feito dá a entender o espírito da época, pois os Xogos en diante constitúen máis un evento deportivo e laico que relixioso.

A pista do Estadio ten unha lonxitude de 212,54 metros e unha anchura de 28,50 metros. A distancia entre o marco de pedra de saída e o de chegada -baldides- é de 192,27 metros, é dicir 600 pés olímpicos. A saída está marcada coa baldida ao leste e a meta coa do oeste do Estadio. No noiro, ou talud,norte existe un altar, da época dos romanos, da deusa Deméter Camiñe. Durante o transcurso dos Xogos alí colocábase a súa sacerdotisa. 

No noiro sur, na exedra de pedra que se conserva ata o día de hoxe, sentábanse os Helanódicas. 


A capacidade do Estadio era de 40.000-50.000 espectadores aproximadamente, que se sentaban directamente no chan. Os escasos asentos de pedra achados no espazo dos Estadios eran postos de honra para os notables. Posiblemente en época romana constrúense bancos de madeira nos noiros e realízanse traballos de conservación. Ao redor da pista existe un conducto de pedra con pequenas concavidades, a intervalos, onde se concentraban as augas procedentes dos noiros. No Estadio, ademais dos Xogos Olímpicos, celebrábanse tamén os Hera. Da excavación dos Estadios proceden multitude de achados, especialmente de bronce, atopados en fontes que se abriron en nos noiros xa desde época arcaica, para asegurar auga suficiente aos espectadores. Cando estas deixaron de utilizarse convertéronse en depósitos de lixo.

Cara a mediados do século VII a. C., os vencedores das probas olímpicas ofrecían estatuas ao estadio para agradecer que se lles permitiu participar. Para as mulleres celebrábanse os Xogos Hereos, en honor de Hera, raíña dos deuses e esposa de Zeus.

As Olimpiadas da Antigüidade celebráronse por última vez no ano 393 de éra cristiá, xa que despois o emperador romano Teodosio I prohibiu todo acto pagano e calquera tipo de actividade nos santuarios.

En 1989, o sitio arqueolóxico de Olimpia, incluíndo o seu estadio, foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Durante os Xogos Olímpicos de Atenas 2004, no estadio celebráronse as probas de atletismo.

Textos procedentes da Wikipedia e de Olimbía Vikatu. Olimpia. El emplazamiento arqueológico y los museos. Atenas, Ekdotiké Athenón, 2006.


Fotos de Iniciarte.

No hay comentarios: