S. V d.C. Mármore branco-grisáceo con vetas. 94,5 cm de diámetro x 6 cm de grosor
Texto: AURUM VILE TIBI EST ARCENTI PONDERA CEDANT (hereda) PLUS EST QUOD PROPIA FELICITATE NITEs (O ouro é cousa vil para ti; non digamos xa a prata; é moito máis o que brillas pola túa propia felicidade)
Orixe: Igrexa parroquial de Santa María da Ermida (Quiroga, Lugo)
Depositada en: Museo Diocesano de Lugo.
Texto do admirado Filipe Arias:
“Placa circular de mármore (tal vez das canteiras de O Incio, sitas a pouca distancia), ocupada no centro cun gran monograma de Cristo entre as letras gregas alfa e omega. Polo seu borde, entre dúas liñas paralelas de bolas ou pérolas (as do exterior un chisco máis grandes), leva unha inscrición que dá a volta ao disco e que se inicia tamén cun pequeno crismón. As letras son de tipo capital romano moi coidadas.
O reverso é liso pero con sinais de repicado, posiblemente para fixalo sobre un soporte metálico. Tamén está picada a parte interior do gran crismón e das letras centrais, quizais para seren cubertas ou enchidas por placas de metal, tal vez de bronce.
En conxunto, resulta unha peza de grande perfección e estilo coidado, a ton coa textura do seu soporte material marmóreo. Quizais tomando como modelo iconográfico pezas metálicas logo moi difundidas, como as patenas, o disco de Quiroga foi feito probablemente para servir de mesa de ofrendas (logo, de altar), en posición horizontal (Schlunk e Arias), e non para empotrar nunha parede ou fachada vertical (Castillo, Vives e Palol), a teor, sobre todo, da disposición das pérolas exteriores.
A decoración de ringleiras de pérolas, o trazado do crismón, e o debuxo do alfa cun dos lados en forma de “S”, así como o tema do texto, levan a esta peza monumental ás primeiras décadas do s. V (entre o 410 e o 425).
Segundo Fontaine, o texto, en hexámetros, céntrase nunha exhortación ao rexeitamento das riquezas materiais (ouro e prata), opoñendo a estas os valores morais da felicidade cristiá. A orixe deste dístico está nos textos do Antigo e Novo Testamento, nalgúns autores do s. I a.C. e en particular nos escritos dos Pais da Igrexa, como San Xerome. A aparición deste tema no texto do disco de A Ermida, co seu significado moral e relixioso, evidencia a presenza de elementos cristiáns cultos na comarca de Quiroga. Advírtase que a invitación a non darlle importancia ás riquezas materiais, faise precisamente nunha zona sita entre enormes explotacións mineiras auríferas de O Caurel e as do río Sil (Montefurado, As Médulas).
Na mesma igrexa de A Ermida teñen aparecido, e aínda se conservan alí, outras pezas de mármore como dúas basas, unha placa e dous capiteis de orde corintia, todo datable na primeira metade do s. V, o que permite pensar na existencia dun importante núcleo ou igrexa paleocritiá neste lugar (de topografía orixinal posiblemente castrexa), e vencellado aos asentamentos tardorromanos (tipo castelos/vilas) da comarca do Sil (Pena Dominga, A Cigarrosa…), e en todo caso moi senlleiro polo seu carácter excepcionalmente culto e requintado.
Cita de Filipe Arias “A conquista e a integración do noroeste no Imperio Romano”. En Galicia no Tempo. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1990, páx. 128.
Outra bibliografía:
A arte galega. Estado da cuestión. Santiago, Cosello da Cultura Galega, 1990.
100 Obras mestras da Arte Galega. Vigo, Nigra, 1996.
Outra bibliografía:
A arte galega. Estado da cuestión. Santiago, Cosello da Cultura Galega, 1990.
100 Obras mestras da Arte Galega. Vigo, Nigra, 1996.
No hay comentarios:
Publicar un comentario