24/10/11

O Arco de Constantiño




Este é o terceiro arco de trunfo levantado nos foros romanos. Do máis antigo, o de Tito, xa falamos e do segundo, o de Septimio Severo falaremos noutra oportunidade. O arco de Constantiño está situado ao carón do Anfiteatro Flavio, o Coliseo, é foi  edificado co gallo da vitoria de Constantiño I O Grande na batalla da Ponte Milvio en 312 sobre Maxencio. A súa construción iníciase no 315 aproveitando elementos decorativos doutros lugares.

As súas medidas son as seguintes: 21 metros de alto, 25,7 de ancho e 7,4 de profundidade. Consta de tres arcos, sendo o central o máis alto (11,5 fronte a 7,4 metros dos laterais), repítese, xa que logo, o esquema compositivo do arco de Septimio Severo.  A parte externa do arco está realizada en mármore agás no ático onde é apreciable o uso de ladrillos e de mármore. Nun lateral distínguise a presenza dunha porta.


A partires do habitual podio, elévanse catro columnas adosadas de orde composta, sobre as que se asenta un arquitrabe  de tres platabandas, un friso sen decoración, unha pequena cornixa e o ático. Nesta parte superior do arco de trunfo destaca a fragmentación do espazo escultórico grazas a catro pequenas esculturas que dividen o espazo en tres: o central conta cunha inscrición e nos laterais figuran catro relevos. Dentro do traballo escultórico decorativo é de salientar o espazo situado sobre os arcos laterais xa que neles sitúanse sendos frisos corridos esculpidos e catro medallóns.

A principal inscrición, orixinariamente en bronce, di o seguinte:
"Ao Emperador César Flavio Constantiño, o máis grande, pío e bendito Augusto: porque el, inspirado pola divindade, e pola grandeza da súa mente, liberou o estado do tirano e de todos os seus seguidores ao mesmo tempo, co seu exército e só pola forza das armas, o Senado e o Pobo de Roma dedicáronlle este arco de trunfo".


Nos arcos menores hai outras inscricións que datan a obra. Nesta ligazón podedes informarvos máis ao respecto.

A importancia do Arco de Constantiño ven dada polas aportacións que facilita para o estudo da arte escultórica romana. Só as bandas decoradas sobre os arcos laterais e os zócalos son orixinais da época de Constantiño porque o resto das pezas escultóricas son doutros momentos anteriores da civilización romana. Así,  por exemplo:
-as columnas adosadas son da época dos Flavios,
-as esculturas do friso son época de Traxano,
-os medallóns son da era de Adriano,
-os baixo relevos do friso superior son da época aureliana.

En conxunto, as pezas escultóricas dos inicios deste cuarto século carecen da beleza de era de Augusto ou do realismo da era de Traxano, ao seren unas figuras recortadas secamente sobre o fondo, illadas unas doutras e establecendo a xerarquía pola “lei do respecto”.

Como xa vimos no Arco de Tito, este arco de trunfo tamén formou parte das fortalezas medievais de Roma. Foi restaurado por vez primeira no século XVIII e a última gran intervención nel data de finais dos anos noventa do pasado século.

Fotos de INICIARTE  e de Beni N.

3 comentarios:

PACO HIDALGO dijo...

Muy buen estudio y muy buenas fotos. Este verano estuve en Roma y tengo fotos muy muy parecidas; también de las del Arco de Tito. Saludos.

Antonio Martínez dijo...

Gracias, Paco. Las fotos... es que somos unos sosos... siempre haciendo las mismas fotos de cuatro piedras...

PACO HIDALGO dijo...

Eso dice mi mujer, si eso mismo. Abrazos.