3/2/11

A Virxe do Chanceler Rollin (II): a paisaxe


Ao fondo do pequeno/gran cadro pódese apreciar unha paisaxe que conta con máis de duascentas figuras. De sempre tentouse identificar ese lugar, habendo opinións que afirman que a cidade é Gantes, Bruxas, Xenebra, Lyon, Autun, Praga, Liexa, Maastrich ou Utrech. Mais hai tempo que se chegou á conclusión que non era a reprodución realista de ningún lugar concreto, senón unha síntese dalgúns lugares de entre os moitos visitados polo autor. Na paisaxe poderíamos observar desde as chairas dos Países Baixos ata os cumes nevados dos Alpes. Poderíase interpretar a cidade pintada como unha cidade idealizada do gran ducado de Borgoña ou mesmo como a “Xerusalén celestial”, a “Civitas Dei”, e dicir, a cidade divina dos reino dos ceos.

Mais si é posible identificar algúns elementos concretos da obra, como por exemplo a torre da catedral de Utrech ou a catedral de san Lamberto de Liexa.

O pequeno xardín que ábrese á habitación, con rosas, lirios, pavos reais, tamén podería ser interpretado como unha alusión á suntuosidade das propiedade de Rollin ou ben coma a “horta pechada”, é dicir, como un símbolo usual na Idade Media para representar á Virxe María.

Todo este simbolismo ambiguo ten que responder ao desexo consciente do artista. Debemos lembrar que o duque apreciaba a van Eyck enormemente e “non só polo magnífico traballo na súa materia”. O noso pintor era todo un erudito de ampla formación humanística e que mesmo introducía inscricións cifradas en grego ou latín nos marcos das súas obras e agochaba autorretratos como sinaturas. Polo tanto sería lóxico pensar que as dúas figuras que aparecen no balcón poderían ser o propio autor e o seu irmán Hubert.


1 comentario:

Cristina dijo...

Marabilloso...Grazas