23/11/10

Kairuan: a Gran Mesquita


É unha das máis antigas do mundo e un dos monumentos máis afamados de todo o norte de África. Foi unha mágoa non poder entrar na sala de oración.

Ubicada no norte de Tunicia, o templo foi fundado no 670 polo xeneral árabe Oqba Ibn Nafi quen decidiu construír aí a primeira mesquita do Magreb. Foi reconstruída na súa actual forma no 836, na época da dinastía Aghlabídes, un tempo de prosperidade onde Kairuan era a capital dunha extensa provincia.

É un templo enorme, posto que case alcanza os nove mil metros cadrados (forma un cuadrilátero irregular onde o lado máis longo mide 138 metros e o menor 71 metros). Destaca o seu fermoso patio das ablucións que está parcialmente pavimentado de mármore, un minarete moi macizo e unha sala de oracións.



O patio está rodeado por unha arquearía dobre con columnas de mármore e granito, reaproveitadas de épocas anteriores (sobre todo da romana Cartago). Tamén é moi visible o gran colector de augas para a cisterna situada baixo o patio. Pola súa banda o minarete ou alminar ten tres andares decrecentes, medindo algo máis de 31 metros de altura e dez de lado na súa base. É dos séculos VIII e IX, sendo, polo tanto, o máis antigo do mundo islámico. O haram, ou sala de oracións, ten dezasete portas de acceso dunha madeira moi ben labrada, é, tamén, de dezasete naves e oito tramos con máis de catrocentas columnas. O seu mimbar é do século IX polo que tamén é o máis antigo conservado, mentres que o mihrab está decorado con mármores e azulexos, sendo considerada a súa decoración como unha das máis harmoniosamente conseguida.

Esta obra foi a inspiración, ou o modelo, para outras mesquitas do Magreb e constitúe unha testemuña excepcional dos primeiros séculos da presenza musulmán esta rexión africana polo que foi incluída pola UNESCO dentro do seu catálogo de obras “Patrimonio da Humanidade”.

Máis información en Qantara.




Fotos: INICIARTE .

No hay comentarios: