26/4/10

A Vila Saboia despois de 1929

Le Corbusier, a quen INICIARTE xa lle adicou varias entradas, recibiu o encargo do empresario Pierre Saboia para realizar unha vivenda de vacacións nunha coliña sobre o Sena en Poissy. Pediulle un amplo garaxe e dormitorios suficientes para a súa familia, os invitados e o persoal de servizos. A resposta do arquitecto pasou á historia como unha das obras senlleiras do século XX onde exporía os seus cinco puntos para unha nova arquitectura.
Justificar a ambos lados
A vivenda foi rematada en 1929 pero os seus donos a habitaron por moi pouco tempo, entre 1931 e 1940. Durante a II Guerra Mundial e debido á súa exposición na coliña, a casa foi bombardeada e incendiada. Durante a contenda foi convertida nun almacén de palla ata que foi ocupada polo exército alemán e posteriormente polos aliados. Tras a contenda, a casa ficou abandonada e durante dez anos foi convertida nun almacén agrícola.

En 1958, o concello de Poissy tratou de demolela para edificar no solar un centro educativo. A finca foi parcelada e levantouse un liceo e a vivenda pasou a ser a Casa da Mocidade cambiándose a distribución interior ao tempo que foi pintada interiormente de vermello intenso. Neses anos, segundo o arquitecto brasileiro Lucio Costa, a casa estaba nun estado lamentable con xanela rachadas en un estado de conservación pésimo.

Tras a morte de Pierre Saboia, a súa viúva escribiulle en 1959 a Le Corbusier informándoo das intencións municipais de derrubar a vivenda. O arquitecto iniciou unha campaña internacional que rematou coa detención das intencións municipais e a conservación da obra mestra da arquitectura do século XX. Para a campaña contouse o historiador Gideon e co centro Cercle d´estudes Architecturals de París conseguindo a intervención do ministro de Cultura e da mesma UNESCO.

Tras moitas actividades, o concello finalmente remataría adquirindo a vila, ante o escándalo internacional producido, e cedéndolla ao Estado en 1962 que a declarou Monumento Histórico. Coa dirección do arquitecto Jean Debuisson e a colaboración de Le Corbusier, iniciouse unha primeira intervención en 1963. Posteriormente, entre 1985 e 1992 Jean Louis Verte, dirixiría a segunda e definitiva intervención coa intención de deixar a vila tal e como a deseñara Le Corbusier.


1 comentario:

Sarinsky dijo...

Nunca me cansaré de adorar a nuestro querido "Corbu".

Saludos universitarios :)