11/11/08

O mosaico bizantino: Xustiniano en san Vital de Rávena


Na igrexa de san Vital de Rávena, mirando para o altar, temos na parte superior do lado esquerdo o famoso mosaico do emperador Xustianiano. É unha magnífica obra, tanto desde o punto de vista técnico como iconolóxico. A súa realización podemos situala entre os anos 546 (designación de Maximiano como arcebispo) e o 548 (morte da emperatriz Teodora). Os seus artesáns probablemente foran bizantinos de Constantinopla, xa que realizarían a obra na capital do imperio e logo sería trasladada a Rávena.

O emperador, situado no centro da composición e ocupando un maior espazo que o resto da figuras, está representado cun nimbo, aludindo a que se consideraba a si mesmo como o apóstolo decimo terceiro, revestido de púrpura. É a máxima expresión do cesaropapismo bizantino. A obra é a representación dun conxunto de once persoas das que varias levan obxectos de prata para facer unha ofrenda para a celebración da misa xa que están representados no momento de entrar na igrexa : o emperador porta unha gran patena, Maximiano a cruz e outros sacerdotes o misal e o incensario.


A técnica do mosaico facilita a realización de obras cunha certa idealización (pensemos que Xustiniano está representado coma un home maduro cando en realidade era xa un ancián), non obstante nesta obra hai varios retratos.

Ademais de Xustiniano, temos á súa esquerda a Maximiano, arcebispo da cidade, representado con rico e suntuoso vestiario e cun carácter solemne e co seu nome sobre a súa cabeza. O rostro do arcebispo é moi expresivo e convincente, sendo o persoeiro mellor caracterizado cun rostro enxoito e de mirada vivaz Entre estes dous personaxes xurde un medio corpo que habitualmente é identificado como Xuliano Argentarius, o comitente da obra. Complétase este lado coa presencia de dous persoeiros relixiosos.


Á esquerda de Xustiniano podemos ver a cargos militares e políticos da corte imperial: Belisario, xeneral que conquistou Rávena para o imperio, logo o xeneral Narsés e, pechando o grupo, unha representación de catros membros da garda imperial na que un soldado ten un escudo cun crismón.


En conxunto son unha representación da corte imperial: o emperador, o estamento militar e o estamento relixioso. Formalmente a obra presenta unha serie de convencionalismos que, desde un punto de vista técnico, no retrotraen ao mundo helénico arcaico: isocefalia, frontalidade en todos os personaxes, horror vacuii, os pes en “v” invertida, as mesmas posicións e ausencia de movemento en todos as persoas, hieratismo, algúns rostros inespresivos, idealizados , cores planas, maior canon en Xustiniano e posición central no conxunto para destacar a súa autoridade e a súa preeminencia relixiosa. Hai que subliñar, igualmente, a ausencia de chan e de teito posto que o fondo é todo dourado, semellando, así que os personaxes están flotando no aire creándose unha atmosfera de irreal atemporalidade (as columnas corintias que enmarcan a escena carecen de relevancia). Tamén hai que subliñar a ausencia de todo efectivismo plástico de perspectiva e a grande rixidez compositiva.

Non deixedes de visitar o blog ENSEÑ-ARTE que conta con varias entradas sobre a arte bizantina.





Fotos vía: Do mosaico, dos personaxes e do mosaico con nomes.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Tiven o pracer de visitalos fai xa moito tempo nunha viaxe por Italia, naquel entón ía acompañada da miña prima, gran amante do arte, que xa non está pero que sigo recordando con cariño, por moitas cousas entre elas por facerme ver doutro xeito a arte.
Xustiño coma Iniciarte, que fai ver con outros ollos o marabilloso mundo da arte e os artistas, polémicas incluídas.
Bicos

Antonio Martínez dijo...

Tamén tiven a oportunidade de contemplalos hai xa demasiados anos. Foi todo un espectáculo poder marabillarse coa diferencia ornamental do sobrio exterior fronte á riqueza decorativa e lumínica do interior.