1/7/08

A Torre de Hércules (V): na Idade Media e Moderna


Desde a disolución do Imperio Romano carecemos de ter informacións claras sobre a Torre que continuaría sendo un punto de referencia territorial. Deste xeito, todo o contorno do Torre sería coñecido como Terra de Faro ou Arciprestado de Faro. Incluso nas incursións normandas do século IX tamén se toma o faro como referencia. No século XII sabemos que xa era empregada como fortaleza sendo o seu dono os monarcas casteláns (Afonso VII), o bispo compostelán Xelmírez ou algún que outro nobre.

Namentres a Torre, co paso dos séculos, principiaba o seu estado de abandono e deterioro. Será, por vez primeira, no XVI, cando as autoridades municipais amosaran os primeiros intereses na súa reparación, sendo 1537 cando se emitan ordes para impedir o deterioro e determinando a presenza das persoas precisas para realizar a vixilancia de día e de noite. Este servizo dependerá de xefe da milicia urbana, o Cuadrilleiro Maior.

A finais do século XVII, o Duque de Uceda, Capitán Xeneral de Galicia, decide volver a darlle a función de faro á edificación, ordenando a construción a primeira escaleira interior para acceder á parte superior (lembrade que en época romana o acceso á parte superior era desde o exterior). En 1684 remátase a obra. Despois, serán os cónsules de Flandes, Inglaterra e Holanda os que se ofrecen ao Duque de Uceda para edificar dúas pequenas torres con senllos farois e manter prendida durante dez anos unha luz todas as noites a cambio do cobro dun imposto nos peiraos do reino. Realizará esta obra o coruñés Amaro Antúnez.
Na seguinte ilustración podedes apreciar como sería a Torre a mediados do século XVIII, antes, polo tanto, da restuaración deseñada por José Cornide e que lle daría o seu aspecto actual. Fixádevos, especialmente, nas dúas pequenas torres e nos restos da acceso exterior.




Bibliografía e imaxes: Ciudad y Torre. Roma y la Ilustración en La Coruña. 1991, Concello da Coruña.

No hay comentarios: