Fronte á muralla e a un novo museo do arquitecto Felipe Peña que leva vinte anos coa obras paradas, érguese a catedral. Exemplo magnífico do paso do tempo: deseño románico, remates góticos, presenza inmellorable do barroco e fachada neoclásica. Toda unha lección de historia da arquitectura a que podemos apreciar na catedral de Lugo.
Iniciadas as obras en 1129 no lugar onde xa existira outro templo, deseñouse un edificio de tres ábsidas que logo habían ser sustituídas polo actual deambulatorio gótico. Foi proxectada en planta de cruz latina con tres naves no brazo maior e unha no menor. Tras a edificiación da cabeira as obras estiveron paralizadas máis dun século. Este paso do tempo pódese apreciar nos distintos mestres canteiros que traballaron na edificación dos trazos románicos orixinais pasou a chapiteis góticos.
A finais do XIV quedou configurado un templo de tres naves con nove tramos, un cruceiro que modificou a súa cuberta orixinal de madeira e un deambulatorio gótico. A fachada occidental quedaría cunha dobre porta, con dúas torres e un rosetón central. Ao lado sur tiña o claustro e ao norte o pazo episcopal.
Co paso dos séculos, habíanse de introducir importantes modificacións. Así no brazo norte do transepto faríase a capela de san Froilán con retablo de pedra, e a capela do Pilar. Na xirola faríanse as capelas de san Xoán e de Santiago; e a capela maior levaría un retablo de Corniellis de Holanda (hoxe na porta norte) quen traballaría en Lugo tras facelo na catedral de Santiago. Tamén é de salientar o coro de madeira de nogueira de Francisco de Moure, unha das mellores pezas do barroco galego. Pero sen dúbida, destaca a capela da Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Fernando de Casas e Novoa, realizada entre 1726 e 1736. Este arquitecto será quen deseñe a actual fachada do Obradoiro da catedral compostelana.
O século XVIII deixará a súa importante pegada arquitectónica no templo. En 1764 o enxeñeiro militar
Carlos Lemaur remodelaría a capela maior, introducindo un baldaquino de mármore e bronce. En 1769, Xulián Sánchez Bort, outro enxeñeiro militar, proxectaría a nova fachada occidental da catedral, empregando unha linguaxe grandilocuente co uso reiterado de elementos clasicistas (columnas e frontóns). Esta fachada ademais foi decorada coas figuras escultóricas dos evanxelistas, da Fe, de san Froilán e de san Capitón, primeiro bispo de Lugo.BubbleShare: Share photos - Powered by BubbleShare
1 comentario:
Hoy me retrase un poco,pero ya estoy aquii!!
la verdad es que este tipo de arquitecturas son las mejores,porque es donde mejor puedes apreciar el cambio que se produjo en las diferentes épocas en un mismo edificio...
Publicar un comentario