Hai xa algún tempo
puiden gozar dunha parte do románico da Ribeira Sacra da man de Raúl Sobrino.
Foi unha viaxe curta e intensa da que vos irei dando conta nas vindeiras
entradas. A xeito de introdución, poño o
seguinte texto do profesor Izquierdo Perrín.
“A construción de san
Xoán de Portomarín xerou un importante obradoiro no que colaboraron unha serie
de canteiros que difundiron este estilo por extensas zonas da actual provincia
de Lugo en datas que xiran arredor do ano 1200 e que chegan ata finais do
primeiro cuarto, ou incluso do primeiro terzo, do século XIII; esta propostas
coinciden con outras orientacións artísticas que se desenvolveron naquela época.
(…) Ó longo do curso dos
ríos Miño e Sil, no percorrido de terras de Lugo, levántanse pequenos mosteiros
que, en xeral, coñeceron unha etapa de esplendor entre os últimos anos do
século XII e durante o primeiro cuarto do XIII; isto leounos a construír novas
igrexas que constitúen un magnífico expoñente das diferentes tendencias
artísticas nesa zona durante aqueles anos.
Unha destas
tendencias, a que produciu obras de maior calidade e interese, partiu do
obradoiro de san Xoán de Portomarín e os seus Mestres traballaron en santo
Estevo de Ribas de Miño, onde tamén se deixou sentir o eco do obradoiro da
catedral de Ourense.
San Estevo de Ribas de Miño
Case en fronte, na outra beira do Miño,levántase o
abandonado templo de santa María de Pesqueiras, dependente de Ribas de Miño e
merecente de mellor sorte. Practicamente na confluencia dos ríos Miño e Sil
sitúanse os templos de san Xoán da Cova e santo Estevo de Atán, un fronte ó
outro, e tan similares en diferentes detalles que parecen obra dun mesmo
artista. En relación con estas obras encóntrase a igrexa de santa Baia de Búbal;
nos capiteis desta igrexa percíbense receitas ornamentais dos principais
edificos da zona. Por último, nunha vertente do Sil, preto da foz no Miño,
ergueuse san Vicente de Pombeiro, que pecha este grupo de edificios, entre os
que se encontran algún dos mellores de Galicia e converte os ríos en vías de
difusión artística".
Ramón Izquierdo
Perrín. Arte Medieval (I). Galicia. Vol X. A Coruña, Hércules, 1993, pp.
234-235
2 comentarios:
Aún recuerdo emocionado la llegada a Portomarín durante una de mis etapas en el Camino de Santiago, y la imagen majestuosa de su templo al partir al día siguiente .
Efectivamente, Gonzalo, una iglesia espectacular.
Publicar un comentario