Iniciarte tenvos falado bastante da Catedral de Santiago, mesmo dos seus tellados, así como da súa fachada occidental, a do Obradoiro. Imos ver hoxe algo máis da mesma.
Os elementos decorativos da fachada de Fernando de Casas Novoa artéllanse cara aos lados ao tempo que nun senso ascendente, establecendo unha composición racional e rexeitando a materialidade do peso dos corpos ante a acentuada expresión aérea da verticalidade das liñas.
Segundo o historiador catedralicio, López Ferreiro o programa escultórico da fachada do Obradoiro consta das seguintes pezas: Presidindo o conxunto atopamos, no centro do arco de trunfo construído por Casas Novoa, un camarín aberto coa estatua do apóstolo Santiago vestido de peregrino que recibe a homenaxe dos monarcas. Máis abaixo temos a urna sepulcral do mesmo personaxe, rodeada por unha coroa de anxos e sinalada por unha estrela radiante. Aos seus lados, noutros camaríns, agora pechados, os discípulos do apóstolo santo Atanasio e santo Teodoro. A fachada apóiase sobre dous contrafortes cadrados que se atopan coroados cada un por dúas estatuas, as de santa Susana e san Xoán Evanxelista no norte e Santiago Alfeo e santa Bárbara no sur.
Como o mestre Casas Novoa, deseñador da fachada e do seu programa iconográfico, coñecía ben a importancia da pintura como elemento decorativo ademais de axudar a chamar a atención sobre determinados elementos, dispuxo que estas esculturas foran pintadas e douradas nas partes convenientes incluída a urna sepulcral do apóstolo.
Os corpos curvos que unen xenialmente as torres co novo corpo deseñado por Fernando de Casas están decorados por dúas volutas colosais, en solución harmoniosa co glorioso estilo de placas de Simón Rodríguez, sobre as que se desenvolven trofeos militares como bandeiras, armaduras ou cascos que foron interpretados por Chamoso Lamas como elementos representativos da advocación a Santiago do templo catedralicio en canto “defensor almae Hispaniae”.
Segundo Couselo Bouzas, os autores destas obras serían Gregorio Fernández (non confundir co escultor dos séculos XVI e XVII), Antonio Vaamonde, Xoán Francisco Fernández e Xosé Gambino. Iniciarían o seu labor en torno ao ano 1745. O principal executor da policromía foi Xoán Antonio García de Bouzas. A fachada foi concluída o 28 de febreiro de 1750, uns meses despois da morte do seu deseñador quen recibiran sepultura nunha das capelas catedralicias, na do Sancti Spiritus.
Fotos de Iniciarte.
3 comentarios:
Aprovechando el artículo sobre la Catedral y la conmemoración este año del 8º centenario de su consagración, aquí os dejo, en el enlace, la innovadora "musealización virtual" de este símbolo arqueológico y religioso: http://www.turgalicia.es/librodepedra/libro.html . Con "Libro de Piedra" se puede realizar un recorrido virtual por la Catedral de Santiago de Compostela con fotos de 360 grados y panorámicas. Disfrutadlo. DiegoTurgalicia
Grazas Diego. Hai semanas que xa está referenciado no blog.
De nada, Antonio. Un pracer. Agardo que che resultase interesante. Saúdos. DiegoTurgalicia
Publicar un comentario