9/12/08

A Escultura Románica: unha introdución

Ao igual que o mosaico é a arte decorativa no edificio bizantino, a escultura é a arte decorativa no edificio románico, instaurando en Europa a escultura monumental.
Será unha arte cun marcado carácter docente.

É unha escultura incorporada e dependente da arquitectura e dos espazos que lle ofrece: os capiteis (con espazos que obrigan a retorcer as figuras) os tímpanos das portadas (as figuras deberan adaptarse a este peculiar marco arquitectónico).

Tendencia anicónica afectou principalmente ó vulto redondo, que se identificaba co culto pagán ós ídolos.

Ao non ter referentes inmediatos no pasado o escultor románico ten grandes problemas: seleccionar unha fonte, aprender unha técnica, crear unha iconografía, incorporar as esculturas a un edificio formando un conxunto harmónico no que coexistan a función decorativa e a docente.

A preocupación educativa actúa en detrimento de todo o que sexa beleza formal, prímase o contido sobre a forma o que conduce, por medio da abstracción, ó emprego de símbolos e alegorías, converténdose unha arte intelectual. Polo tanto o antinaturalismo, a desconexión do representado con calquera modelo real pode ser tanto unha herdanza da arte bizantina, como unha interpretación da relixión como elemento ideolóxico distante dos fieis ou a incapacidade técnica dos seus artesáns. Lembremos que as figuras teñen falta de volume, son de carácter plano, de aparencia frontal durante gran parte deste período. É unha arte arcaica e arcaizante.

Ademais pódese argumentar que este antinaturalismo é produto consciente do rexeitamento da beleza, como expresión terreal. De feito podemos afirmar que a escultura románica ten este condicionamento: as representacións deben identificarse co contido espiritual que conteñen. Existe o desexo de expresar o contido espiritual da figura aínda que vaia en perxuízo da beleza aparente. Así Cristo represéntase ríxido, hierático, cos ollos abertos e unha grande serenidade, dominando coa súa maiestática divindade sobre o home. A Virxe tamén participa desta grandeza, mantén ó neno ríxido sobre o seu colo, como trono da divindade ou ben permanece de pe xunto á cruz.

Será unha arte que, paseniñamente, irá evolucionando desde a influencia das tallas en marfil (tímpano de Moissac) con figuras encadradas nun marco rectangular, con horror vacuii, para, posteriormente, concibir as figuras para un marco determinado, obrigando a variar o canon nos conxuntos e a imprimir algo de movemento. Nas últimas décadas xurdirán con naturalidade os pregues dinámicos e o vulto redondo esquecendo a función arquitectónica, buscando efectos pintorescos ou anecdóticos.






Fotos: Iniciarte

No hay comentarios: