14/7/08

O estudo de arquitectura VIER e os centros de saúde

Constituído como grupo en 2002 aínda que varios dos seus compoñentes xa formaran o recoñecido estudo QRC, os arquitectos de VIER estanse consolidando como un dos referentes arquitectónicos da Galicia do século XXI. Formados na escola de Arquitectura da Coruña teñan xa varios premios polas súas obras e son gañadores de varios concursos de obra obra pública. O estudo VIER da Coruña ten destacado pola calidade dos seus edificos residenciais, pola renovación da arquitectura industrial, e pola impactante calidade da arquitectura de edificacións deportivas e de esparcimento. Non deixedes de visitar a súa páxina web.

Hoxe INICIARTE, desexa presentarvos unha tipoloxía arquitectónica que está a dar froitos moi interesantes e da que VIER conta dous exemplos moi salientables: os centros de saúde.


Centro de Saúde de Sobrado dos Monxes, 2002-2003


O necesario retranqueo respecto á vía que atravesa a parte dianteira da parcela e o desnivel existente entre esta e o noso solar, suxiren a posibilidade de dispoñer dun dobre acceso. A parte superior ábrese á parte posterior da parcela e configúrase como a entrada principal para, así, gañar altura e, polo tanto, illamento respecto á estrada, e vistas cara o impoñente Mosteiro de Sobrado dos Monxes. A parte inferior, pola súa parte, resolve os acceso de servizo, e rodéase de patios en busca da mesma independencia e vistas que a superior, nesta ocasión buscadas cara o interior do edificio. Os volumes que definen estas dúas plantas non son coincidentes nas súas formas, perímetro ou dimensión, pero se enlazan mediante a parte de estrutura que lles é común e polas comunicacións verticais (escaleira, ascensor) (...) Os materiais que configuran a estrutura portante do edifico (formigón, principalmente, e aceiro) exhíbense como materiais de remate ou sustento da carpintería.




Centro de Saúde de Ortigueira, 2002-2004


Nun espazo destinado a equipamentos públicos este edificio destaca pola “fragmentación en distintos volumes que se separan con patios, e que avanzan de desigual xeito á rúa, enriquece o xogo volumétrico que se acentúa ao resolver dous dos volumes cunha planta máis outro (o da entrada) cunha maior altura e con diferencia no material.

O edificio resolve a súa iluminación e a relación entre as dúas plantas a través dos patios, conseguindo o aproveitamento das condicións da parcela en canto a orientación, topografía e vistas, e coa necesaria intimidade requerida polas salas destinadas a consulta.

Os materiais da fachada (vidro e lousa) configúranse en protagonistas deste proxecto. Preténdese que a concisión volumétrica e formal do edificio se manifeste, tamén, no uso dos materiais, conformando o carácter e seña de identidade, coa necesaria abstracción e calidade esixible á representación dun ente público.”



Textos en cursiva: http://www.vier.es/
Fotos: INICIARTE

No hay comentarios: