22/5/23

A catedral da Asunción de Valencia (I)

 


Para introducirnos neste templo, fago un resume da Wikipedia:

A Igrexa Catedral-Basílica Metropolitana da Asunción da nosa Señora de Valencia está dedicada por desexo de Xaime I  á Asunción de María. Foi consagrada o ano 1238 polo primeiro bispo de Valencia posterior á conquista, Frei Andrés de Albalat.

O gótico valenciano é o estilo construtivo predominante desta catedral, aínda que tamén contén elementos do románico, do gótico francés, do renacemento, do barroco e neoclásico.

O emprazamento da catedral foi lugar de culto desde a época romana, xa que alí atopábase un templo dedicado a Xúpiter ou Diana.  Sobre ese templo erixiuse a catedral valenciana, durante a época visigoda. Coa conquista árabe, o lugar volveuse sede da mesquita de Balansiya (Valencia en árabe); ata que no século XIII, volveu ser igrexa cristiá, tras a conquista da cidade por Xaime I.



A estrutura principal da Catedral de Valencia alzouse entre os séculos XIII e XV, polo que é principalmente de estilo gótico. Con todo, a súa construción prolongouse durante séculos, razón pola cal hai unha mestura de estilos artísticos -que van desde o temperán románico, ata o sutil renacemento, o barroco recargado e o máis contido neoclasicismo- que é a característica máis relevante da catedral.

Empregouse para levantala material das veciñas canteiras de Burjasot e Godella, pero tamén doutros lugares máis afastados como Benidorm e Xávea, de onde chegaron as pedras en barco.

Trátase dun edificio de planta gótica de tres naves con cruceiro cuberto con cimborio, xirola e ábsida poligonal.



A catedral, que se ía facendo a medida que a mesquita se derrubaba, contaba xa ao final do século XIII co deambulatorio coas súas oito capelas e coa porta románica da Almoina, situada no brazo oriental do cruceiro.

Entre 1300 e 1350 pechouse o transepto ou cruceiro polo seu lado oeste coa construción da porta gótica dos Apóstolos. Tamén se construíron tres tramos das tres naves -unha central e dous laterais-, e iniciouse o cimborio.



A antiga Sala Capitular (hoxe Capela do Santo Cáliz) (1356-1369), onde se reunían os clérigos para deliberar os asuntos internos, e a torre campanario do Micalet (1381-1425) levantáronse inicialmente separadas do resto da igrexa, pero en 1459 os mestres Francesc Baldomar e Pere Comte iniciaron a ampliación das naves da catedral nun tramo máis, coñecido como Arcada Nova ou Arcada da Seu, e unírona definitivamente tanto coa sala capitular como co Micalet. Desde aquel momento a catedral mide 94 metros de longo por 53,65 de ancho no transepto.

Os séculos do renacemento (XV-XVI) influíron pouco na xa consolidada arquitectura pero moito na decoración pictórica, como a do altar maior, e escultórica, como a da capela da Resurrección.

Os arcos góticos do cruceiro foron enmascarados con arcos clásicos. Tamén se decoraron as pechinas do cimborrio, con estucos.



Da etapa barroca destaca que en 1703 o alemán Konrad Rudolf proxectou e iniciou a porta principal da catedral, coñecida como dos Ferros pola reixa que a rodea. Por mor da Guerra de Sucesión non a puido acabar, e foron principalmente os escultores Francisco Vergara e Ignacio Vergara os que o fixeron.

Desde o último terzo do século XVIII púxose en marcha un proxecto de renovación do edificio, cuxa intención era dotalo dun aspecto neoclásico homoxéneo, fuxindo do estilo gótico. A obra empezou o 1774 e correu a cargo do arquitecto Antoni Gilabert Fornés. A remodelación neoclásica afectou tanto a elementos construtivos como ornamentais: os pináculos exteriores do templo foron eliminados, as azoteas ocultas por tellados, e a estrutura gótica (incluíndo ventás con vitrais), enmascarada por estucos, dourados e outros elementos pseudoclásicos.



O 1931 foi declarada monumento histórico-artístico,7pero durante a Guerra Civil Española foi incendiada, razón pola que se perderon parte dos seus elementos artísticos. O coro, situado na parte central, foi desmontado en 1940 e trasladado ao fondo do altar maior.

O templo está declarado Ben de Interese Cultural por parte do Consello da Xeneralidade Valenciana.

Fotos: INICIARTE.

No hay comentarios: