Hai algún tempo, e despois de varios intentos, achegámonos a admirar esta espectacular obra. Tivemos a sorte de recibir todas as explicacións do mundo de Xosélois, persoa que desborda paixón pola arte. A salientar das súas explicación que en contra da opinión maioritaria dos especialistas, a igrexa contou con triforio e non con falso triforio coma adoita ser explicada.
HISTORIA
Esta igrexa, segundo a lenda, ten a súa orixe no achado, no
século IV, dunha imaxe da Virxe nun lugar no que abundan os xuncos; entón
construíuse unha ermida, que a mediados do século X deu vida a un mosteiro
familiar fundado por parentes de San Rosendo. No ano 1150, o rei Afonso VII
confirma a doazón deste mosteiro aos cóengos de Santo Agostiño, establecidos de
pouco no Sar, para que nel impartisen a mesma observancia. O apoio real e
doutros señores determinou unha florecente situación económica, que desemboco
una construción dunha nova igrexa e doutros edificios.
EXTERIORES
O contraforte dereito serve de apoio a unha torre circular pequena, que, aínda que sexa posterior, evoca torres parecidas, que se levantaron nas fachadas de Santiago, Ourense e Santa Mariña de Augasantas, entre outras.
Na parte correspondente ás naves laterais de Xunqueira de
Ambía téndense arcos, entre os contrafortes centrais e os dos extremos, que
albergan óculos; ábrese outro maior no segundo corpo da rúa central da portada.
No extremo norte da fachada occidental comezouse a construír unha ampla torre de planta cadrada, que non se rematou ata moito despois. Lembra a que se alza no mesmo lugar da catedral de Ourense, tamén de construción longa e complexa.
Na parte interior e central ábrese a porta principal con
tripla arquivolta de medio punto; as súa aboceladas arestas lábranse en
funículo, motivo que –xunto aos capiteis nos que se apoia, especialmente os de
entrelazo, festón de flores do semicírculo do tímpano e chambrana de billetes
arredor do marco maior, así como o tímpano liso sobre ángulos zoomórficos,
entre os que un presenta unha cabeza de boi-, trae á memoria a mesma portada da
citada colexiata compostelá do Sar; aínda que tampouco se poden esquecer as
notables diferencias que existen entre ambas as dúas e que a de Xunqueira e
máis complexa e rica, xa que emprega, por exemplo, uns fermosos fustes con
estrías helicoidais, que non aparecen na igrexa compostelá. A esta riqueza
contribúe poderosamente o beirado, que se estende entre os contrafortes
centrais sobre a portada, no que os canzorros serven de soporte a arquiños de
medio punto, decorados con motivos xeométricos de ascendencia ourensá e, igual
ca aquí, as tabicas ornaméntanse con composicións florais variadas.
MURO NORTE
CABECEIRA
CRONOLOXÍA
Baixo a ventá atópase o epígrafe que pode ser transcrito como “a igrexa fundouse o 2 de xuño da era de 1202, ano 1164. Cando sexa feliz prepárate para cando as cousas sexan adversas”. Este epígrafe serve, desde logo, para datar o inicio das obras e a construción das partes máis antigas, que son a cabeceira e os muros perimetrais, incluso as portadas ou boa parte delas. Sen embargo, o apuntamento dos arcos interiores, o tratamento dos capiteis, a apertura dos óculos e rosetóns, así como a posible substitución dunha hipotética cuberta de bóvedas por teito de madeira, serían xa posteriores e os contactos con formas derivadas dos obradoiros ourensáns, así como as conexión con Augasantas, confirman este remate arredor do 1200, data que convén tamén para o magnífico tenante de altar que aquí se conserva. De momentos posteriores á Idade Media, Xunqueira garda obras importantes, entre as que destacan o fermoso claustro e o cadeirado do coro, ambos os dous do século XVI, así como o órgano, que, afortunadamente, aínda funciona. (414 -415)
Máis información en Jesús Manuel,
No hay comentarios:
Publicar un comentario