Dentro da escultura gótica española é de salientar a porta sur da catedral de Burgos, coñecida como a do Sarmental. Desde a Praza de san Fernando, accedese á porta meridional tras salvar unha gran escalinata. Foi levantada entre os anos 1230 e 1240.
Está dedicada ao tema arcaizante de Cristo en Maxestade, aínda que empregando unha plástica innovadora.
A decoración escultórica concéntrase no tímpano, nas archivoltas, no mainel e nas xambas.
Son varias as teorías sobre a autoría e as influencias que deixan ver estas esculturas.
Parece ser que se poden distinguir ata tres autores diferentes: o máis salientable (Mestre do Sarmental) faría o tímpano coa Maiestas e o Tetramorfos (influenciado polo mestre do Bo Deus de Amiens), un segundo faría o lintel (influenciado polo autor da fachada norte da catedral de Reims) e un terceiro traballaría nas archivoltas. O traballo das xambas sería algo posterior.
O elemento sobranceiro desta porta é o tímpano, delimitado dentro do muro por unha moldura con decoración vexetal e tres archivoltas, onde se representa, dun xeito arcaizante, a Cristo sedente en maxestade (Pantocrátor) amosando o Libro da nova lei que apoia nun xeonllo. Ao seu carón figuran os catro evanxelistas cunha dupla representación xa que, figuran como tales e, ademais, polo tetramorfos. Deste xeito temos á esquerda e dereita o anxo e animais símbolos dos evanxelistas: san Marcos ao carón do león e san Lucas co touro que semellan escribir o novo testamento. Mentres que san Xoán sobre a aguia e san Mateo atópase sobre o anxo. Estes dous últimos evanxelistas está ubicados sobre un nivel superior. Os catro evanxelistas están sentados e escribindo sobre atrís.
O tímpano está dividido en dúas partes por un saínte ondulado, como se fora unha onda do mar como símbolo da bóveda celeste que cobilla a Xesús.
Se conceptualmente a obra é arcaizante, tamén o é o emprego da perspectiva xerárquica, posto que os catro evanxelistas son dun tamaño moito menor que o personaxe central.
O tímpano vai protexido por tres archivoltas. Na primeira apreciamos unha ringleira de anxos e serafíns que adoran a Xesús. Nas outras dúas van situados os vintecatro anciáns do Apocalipse con instrumentos musicais (sóanos de algo esta iconografía?), varios coros de anxos e unha alegoría das artes. Parece ser que este grupo sería tallado por artesáns locais dirixidos por Mestres franceses. Todas estas esculturas aséntanse sobre unha peaña.
Nas xambas laterais están representadas seis figuras, de cronoloxía posterior ao resto da porta, sendo identificables Aarón, Moisés, sa Paulo e san Pedro.
Ademais deste conxunto escultórico tamén podemos deter a nosa atención na súa parte superior. A finais do século XIII foron levantados os poderosos contrafortes que rematan en pináculos. Os dous corpos superiores, reproducindo a estrutura da fachada occidental, teñen un gran rosetón y unha galería aberta con tres arcos cuns intradorsos calados con tripla cuadrifolia e que se asentan sobre maineis ao tempo que se pode contemplar un conxunto escultórico interpretado como a Diviña Liturxia, onde Cristo administra a Eucarística, rodeado por unha ducia de anxos ceriferarios e turiferarios (premio para quen me diga o significados destas dúas últimas palabras)
Xa quedou anotado que a concepción iconográfica é un tanto arcaizante, máis mirando cara ao pasado (escultura románica) que ao futuro (escultura gótica). Non obstante podemos apreciar elementos dunha tendencia naturalista que se separan da abstracción románica. Ben é certo que o Cristo é aínda conceptualmente románico pero tamén o é que cada figura está humanizada (xestos, movemento, actividade) e que o conxunto do programa iconográfico ten unha fonda inspiración no novo concepto espiritual procedente da Francia gótica: un Cristo novo, mozo, máis próximo ao fiel; un Cristo conciliador, máis comunicativo e accesible. Os restantes personaxes van representados cun gran naturalismo, con corpos proporcionados, cun claro senso narrativo e estético e cunha individualización.
Fotos: INICIARTE.
1 comentario:
My spouse and I stumbled over here different web page and thought I should check things out.
----------------------------
Website design | Website design Adelaide | Website design Brisbane
Publicar un comentario