6/11/08

Introdución á Arte Medieval: arte e relixón


A expansión do cristianismo e a súa vinculación ao poder político a partir do reinado de Constantino, e posteriormente a expansión do Islam, han transformar totalmente a sociedade do momento, que substitúe a confianza nas institucións e na razón por unha visión transcendente do mundo que deriva en puro teocentrismo. A crenza e a fe impóñense aos designios do Home, ao que tamén contribúen o crecente poder e influenza da Igrexa, a ruralización da economía europea ao caer o Imperio Romano de Occidente, ou á mesma turbulencia política da época, que fixo súa a inestabilidade e o medo da xente ás invasións, as guerras, as doenzas, etc., caldo de cultivo idóneo para a superstición e o misticismo.

A proxección de todo este cambio radical na arte foi igualmente decisiva. Ao cabo, a arte clásica era un reflexo daquel mundo ordenado pola razón do Home, que tanto gregos coma romanos se obstinaran en afirmar. É a razón de que se prodigase o naturalismo e se apostase por un acusado antropocentrismo, todo isto enmarcado sempre no soño da proporción, a harmonía e maila perfección técnica.

Mais, desaparecido o Imperio Romano, os criterios do clasicismo dilúense coa mesma facilidade ante o empuxe dunha nova mentalidade que se abre a un mundo completamente distinto. A arte será naturalmente reflexo dese novo mundo interpretado agora desde a relixión, poñendo en circulación unha estética da idealización, do simbolismo, da desnaturalización da realidade, da súa distorsión mesmo, como expresión dun contorno que non é deste mundo senón reflexo do celestial. O mesmo poder político, asociado ademais ás institucións relixiosas, aprovéitase desta tendencia, o que favorece unha arte de carácter propagandístico que deriva no hieratismo cando non, como é o caso da arte bizantina, en auténtico cesaropapismo.

Todo isto devén nunca arte con intencionalidade que é diferente. Non así os recursos plásticos ou as solucións técnicas, que durante moito tempo han seguir tendo como referencia inevitable o legado clásico; pero si a súa significación. No campo da arquitectura, consérvanse ou trátanse de imitar resaibos da edilicia romana, buscando agora que as concepcións espaciais suxiran constantemente a presencia divina, por veces conseguida a través do elemento ornamental, por veces a través de recursos lumínicos ou mesmo de novas formulacións estruturais. No ámbito das artes plásticas, tamén se conservan nun primeiro momento iconografías tradicionais, ás que igualmente se lles asigna un contido diferente, pero axiña varían incluso os seus elementos formais, orientados directamente a salientar o seu simbolismo e o seu impacto expresivo.

Como consecuencia final, a arte da Idade Media xa non é unha arte da medida e da realidade, senón da idealización; nin o é do concreto, senón da abstracción; non é unha arte para a afirmación da realidade, senón para a contemplación e a interpretación; por isto é unha arte de lecturas ideográficas e cun importante compoñente intelectual.
Fotos: INICIARTE

No hay comentarios: