13/9/08

Pintoras italianas (III): Fede Galizia

Foi unha pintora italiana do Renacemento, pioneira do xénero do bodegón. Fede Gallizi, mellor coñecida como Galizia, naceu en Milán en 1578. O seu pai, Nunzio Galizia foi un pintor de miniaturas. Del aprendeu Fede a pintar.

Cando Fede estivo preparada e establecida como pintora de retratos, comezou a recibir moitos encargos. Posiblemente por influencia do seu pai como miniaturista, tivo tendencia ao detalle nas súas pinturas. O seu tratamento das xoias e a vestimenta convertérona nunha retratista moi buscada. Tamén se dedicou á pintura relixiosa e profana, por exemplo varias versións de Judith e Holofernes.

Tamén pintou miniaturas e retablos para conventos. O estilo dos seus retratos deriva das tradicións naturalísticas do Renacemento italiano, cunha aproximación moi realística. O estilo de retrato de Fede Galizia resulta moi evidente no seu Retrato de Paolo Morgia, un estudioso xesuíta que foi un dos seus primeiros mecenas.

Fede Galizia recibiu ademais varios encargos públicos para igrexas, por exemplo o retablo que pintou para o altar de Santa María Magdalena en Milán (1616). Cando non pintaba retratos, a artista interesouse primordialmente en pintar bodegóns, un xénero no que foi pioneira e alcanzou excelentes resultados. Aínda que poucas fontes mencionan este tipo de obras, representan a maioría da súa autoría que se conservan: catalogáronse sesenta e tres traballos de Galizia, dos que corenta e tres son bodegóns. Un deles, de 1602 está considerado o primeiro bodegón asinado por un artista italiano, probando o seu compromiso con este -naquela época- novo estilo de pintura.

Fede nunca contraeu matrimonio, e dise que viviu unha vida feliz con éxito na súa carreira artística. Morreu en Milán en 1630.

Fede Galizia pintou retratos, miniaturas e retablos, pero a súa obra máis importante -pola que gañou un lugar na historia da arte- son os seus bodegóns. Aínda que as súas pinturas non gañaron o merecido recoñecemento ata ben entrado o século XX, a través de estudos efectuados entre 1963 e 1989, a súa obra foi rescatada do esquecemento. Os bodegóns de Galizia están entre os primeiros exemplos de pintura nun xénero no que unha muller, en parte por estar excluída doutros tipos de obras, alcanzou a excelencia.



Texto e fotos: vía a Wikipedia.


Máis información en Mujeres pintoras e Artcyclopedia.

No hay comentarios: