O que probablemente fora o mellor pintor galego do século XX, Luís Seoane, publicou en 1944 na Editorial Nova de Buenos Aires o libro titulado “Homenaje a la Torre de Hércules”, sendo prologado por outro galego universal, Rafael Dieste. Eran 49 debuxos a unha soa tinta. Esta obra sería seleccionada polo Instituto das Artes Gráficas de Nova York e pola Pierpont Morgan Library, como un dos mellores libros editados no mundo entre 1935 e 1945. Aos dez anos da morte de Luís Seoane o Concello da Coruña e Ediciós do Castro fixeron unha edición facsímile deste homenaxe á Torre en 1989, prologada, neste oportunidade, por Marino Dónega. Neste prólogo pódese ler:
“O álbum titúlase Homenaje a la Torre de Hércules. A que Torre de Hércules?, preguntámonos decontado ó abri-lo álbum e non bater, xa, sen máis, coa torre ergueita polos canteiros galegos no Monte dos Bicos, na costa coruñesa para aviso dos navegantes? Mais, sí, fixándonos vémola. Atopámola, representada tal e como hoxe é, na esquina superior dereita da primeira lámina. En tamaño reducido, naturalmente. Daquela, impónsenos unha nova pregunta. Se a representación gráfica da Torre é tan miúda, e a súa figuración plástica non se reitera ó longo das láminas do álbum, por que Luís Seoane rende esta homenaxe á Torre de Hércules? Pero verémolo axiña. A Torre de Hércules para Luís Seoane, o ilustre artista galego exiliado, ten valor emblemático. A Torre vén sendo unha chamada á ferida lembranza de Seoane, dun Seoane materialmente, forzosamente, azarosamente alonxado da súa entrañable e pequena patria galega e da súa benquerida e adoptiva cidade alumeada polo Faro".
Texto e ilustracións de: Homenaje a la Torre de Hércules. 49 dibujos por Luís Seoane. Sada, Edicións do Castro, 1989.
No hay comentarios:
Publicar un comentario