13/6/08

O Pórtico da Gloria: a súa restauración

O xornal El País vén de publicar a seguinte nova:

"Os turistas que acudan estes días a contemplar o Pórtico da Gloria, o máis singular elemento arquitectónico da Catedral de Santiago de Compostela, verano cuberto por unha estada. O arco está sendo obxecto dun amplo proceso de estudo e recuperación, que nunha primeira fase contou xa coa realización dun escaneado completo de alta resolución e que seguirá agora con outras actuacións, tanto de avaliación do estado como de restauración. A Fundación Pedro Barrié da Maza financia con tres millóns de euros o programa Catedral de conservación preventiva e restauración do Pórtico da Gloria e o seu contorno e o conxunto mural da Capela Maior, que busca difundir o conxunto catedralicio e a importancia da súa conservación. Realízase en cooperación co Cabildo da Catedral compostelá, coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e o Instituto de Patrimonio Histórico Español.


O monumento, obra do Mestre Mateo, está xa rodeado pola estada instalada polo Cabildo da Catedral e cuxo deseño foi encargado ao arquitecto Francisco Javier Alonso da Pena. Consiste nun sofisticado sistema, adaptado "o mellor posible" á estrutura, formas e delicados requisitos de conservación do Pórtico. A estada, que ocupa unha superficie en planta de 85 metros cadrados cunha altura de 10 metros, permitirá tanto a execución das primeiras fases do proxecto de conservación preventiva e restauración como as visitas restrinxidas a nivel de tímpano -de grupos limitados a 14 persoas-, e tamén unhas condicións de visibilidade máxima do conxunto monumental desde o nivel do chan e durante a duración dos traballos.


Os traballos previos á instalación da estada incluíron xa un escaneado completo de alta resolución, realizado por unha empresa galega especializada en tecnoloxía láser e topografía de alta definición, que servirán para contar cun modelo dixital que axude noutros estudos a realizar sobre o monumento e a crear desenvolvementos multimedia sobre o proxecto de restauración.


Dez equipos interdisciplinares de Galicia, España, Italia e Francia, con ampla experiencia nos seus ámbitos de traballo -limpeza, restauración, estudos petrológicos, monitorización, policromías, etc.- presentarán nas próximas semanas as súas ofertas ao concurso para a intervención no Pórtico e na Capela Maior, que se resolverá antes de finais de xullo. As ofertas serán avaliadas desde o punto de vista técnico por Concha Cirurxián, do Instituto de Patrimonio Histórico Español (IPHE), e desde o punto de vista económico pola comisión de seguimento do programa Catedral de Santiago de Compostela, integrada por representantes do Cabildo, o Arcebispado e a Fundación Pedro Barrié da Maza, quen se reserva o dereito de seleccionar aos equipos adxudicatarios, que formalizarán os correspondentes contratos co Arcebispado e o Cabildo. O concurso prevé a monitorización permanente de Pórtico e Capela Maior; estudos previos; un plan de conservación preventiva, co seu deseño e execución; a elaboración do proxecto de intervención; e a implementación do proxecto de intervención sobre o conxunto mural da Capela Maior. Os equipos que resulten seleccionados integraranse baixo o mando dunha dirección técnica única, formada pola restauradora do IPHE Concha Cirurxián, e pola restauradora Carmen Verdera, técnica da Dirección Xeral de Patrimonio, e baixo a supervisión permanente do citado departamento autonómico. A intervención sobre o Pórtico da Gloria e na Capela Maior realizarase en fases diferenciadas. Antes do inicio de cada fase, todos os informes de valoración e propostas de interveción deberán ser aprobadas pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia".

3 comentarios:

Sarinsky dijo...

Vaya!! Yo solo conocía el Pórtico de la Gloria, pero parece ser que también existe un tal Pértico...
Espero que lo dejen estupendo.

P.D: solo 5 dias...

Saludos

Antonio Martínez dijo...

Non se te escapa unha. Ti non tiñas que estar repasando? Que fas mirando os blogs?
Grazas.

Sarinsky dijo...

Pues la verdad es que ya me es hora de ponerme a repasar (ningunas ganas...), aunque ya me queda poquito para terminar de mirarme todo.

((Que ganas tengo de que acabe todo de una vez y rascarme la barriga jeje))