15/5/08

Santo André de Hío: espectacular conxunto arquitectónico



O conxunto parroquial de santo André de Hío está situado na incomparable ría de Aldán, na vertente noroeste da pontevedresa península do Morrazo. Este conxunto está formado pola igrexa, o cruceiro e a casa reitoral. É un conxunto impresionante nun contorno de beleza impactante.


Dos tres elementos, o máis salientable é o teatral e barroco cruceiro. Labrado en 1872, e practicamente todo nun único bloque de granito, o seu autor foi, probablemente, Xosé Cerviño Cerviño, coñecido como Pepe da Pena aínda que tamén hai quen afirma que en realidade foi Ignacio Cerviño Quinteiro. Ubicado sobre unha escaleira de tres chanzos octogonais, representa os momentos máis salientables, desde unha visión cristiá da vida, do home: da creación á redención pola morte de Cristo.


Na parte superior está representado o descravamento da cruz de Cristo por Xosé de Arimatea e Nicodemo que levan o corpo ata san Xoán, a Virxe e María Magdalena. Esta escena, o Calvario, está representada sobre unha ménsula, a xeito de monte, que se apoia en catro anxos.

Continuando o descenso polo circular fuste vemos un arcanxo pisando unha serpente e outro arcanxo recollendo a un neniño. Debaixo a Virxe tamén pisando a outro animal que representa ao demo E, finalmente, Adán e Eva que tras ser expulsados do paraíso, cobren os seus sexos.

A basa ábrese polos catro lados representando ás ánimas do purgatorio, a Cristo resucitado, a Adán e a Eva.





Máis información na wikipedia.


Pola súa banda, a igrexa de santo Andrés amosa varios estilo arquitectónicos, correspondentes a distintos momentos da súa edificación ou reforma. Ten unha estrutura románica de planta de cruz latina, potentes contrafortes, entrada con porta abucinada con arquivoltas de medio punto, capiteis de decoración vexetal, tímpano co anagrama de Cristo e interesante colección de canzorros baixo a cornixa. No interior, a cuberta de bóvedas gótica de aresta e casetóns barrocos sobre a capela maior e o cruceiro. Conta cun espléndido reloxio solar. É a única igrexa de Galicia que ten unha representación feminina do demo (unha dema)

A vivenda do párroco é un conxunto habitacional típico dos pazos rurais galegos: vivenda, pombal, fonte... Espectacular.





Dedicado a Beni, bibliotecario escolar e magnífico guía turístico, e ao Equipo da Biblioteca do IES Alexandre Bóveda de Vigo.

2 comentarios:

Gonzalo González dijo...

Qué bonito el crucero con el conjunto escultórico del Descendimiento, no lo había visto nunca, me ha encantado.

Saludos!

Antonio Martínez dijo...

Gonzalo, la verdad es que es una auténtica pasada.