A renovación arquitectónica de Santiago de Compostela vén marcada da man do alcalde dos anos oitenta Xerardo Estévez (que sorte por alcalde a un arquitecto e non a un construtor como aconteceu na Coruña). E dentro dos novos edificios de carácter público destaca con moita forza o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de 1993, deseñado polo arquitecto portugués máis salientable da segunda metade do século XX, Álvaro Siza.Este arquitecto, nacido en Matosinhos, preto de Porto e licenciado en 1945, conta cos máis salientables premios internacionais de arquitectura como son o Mies van der Rohe (1988) e o Pritzker (1992).
O CGAC non é a única obra de Siza en Compostela posto que tamén realizou a fermosísima rehabilitación para xardín en Bonaval e a Facultade de Periodismo.
O CGAC, ademais de museo de arte contemporánea é tamén un espazo multiusos e multidisciplar que amosa as tendencias máis novidosas da arte, da cultura e da sociedade contemporánea. Con este complexo cultural Galicia entrou no circuíto internacional de plataformas culturais. Ademais de exposicións, conferencias, proxeccións o CGAC pretende ser un espazo de reflexión. É unha idea parecida ao MACBA de Barcelona.
O edificio está caracterizado polas liñas puras, espazos amplos, deseño racional de luces e dos recorridos dos usuarios e usuarias. Ademais, e a pesar de ter ao seu carón o barroco convento de santo Domingos de Bonaval, é respetuoso co seu contorno, marcando claramente o paso do tempo arquitectónico. Foi unha aposta arriscada pero dun resultado moi positivo.
Podedes ver máis fotografías das obras de Siza nesta páxina ou na revista El croquis. Como INICIARTE quere ser un blog serio, da polémica que Tita Cervera mantivo coa reforma do Paseo da Castellana proposta por Siza, nada vai comentar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario