28/5/18

Moncho Amigo. "Queimacasas"


Queimacasas. Ca. 2000
Paseo marítimo de Balarés (Ponteceso, A Coruña)
Aceiro cortén, 1000 x 1000 x 300 cm.

Coa compaña de Marta Moreira, achegueime a contemplar o estado de esta obra do benquerido escultor Moncho Amigo, coñecedores da súa preocupación pola acción do mar nas patas do seu "Queimacasas". Debe ser esta a única obra ao que Moncho Amigo púxolle título.
Moncho Amigo na súa obra (a foto é súa)

Obra encargada pola Deputacion da Coruña a cargo do 1% cultural do proxecto de acondicionamento da contorna da Praia de Balarés en Ponteceso. Coa colaboración do arquitectos da obra Quintáns, Raya eCrespo instalouse o conxunto escultórico que representa unha forma de crustáceo que adopta o nome de Queimacasas e que remite formalmente aos fíos dunha lámpara de incandescencia, na súa evocación do pasado do peirao de Balarés, lugar de carga do volframio, que se extraía en diversas minas da comarca. O mineral, escaso na cortiza terrestre, utilizábase para a fabricación de lámpadas incandescentes, electrodos non consumibles de soldaduras e en resistencias eléctricas.

A asociación de ideas do crustáceo como referente icónico da zona, a súa asociación co fíos das lámpadas domésticas e coas minas do material coas que se fabrica, serven para realizar  unha escultura en aceiro cortén de gran formato que preside o paseo marítimo da Praia de Ponteceso.



Novamente o enxeño e a imaxinación do artista é a fonte de inspiración para crear formas sinxelas que crean asociación de ideas coa contorna a través da forma e do título. 

Desde un punto de vista espacial a elección do lugar para instalar a escultura de carácter público, enlaza o urbanismo coa natureza e permite ao camiñante, debido ao seu gran formato recórrela e adentrarse no seu interior. Aínda que a idea puidera ter concordancias coa escultura “Mamá”, a araña de Louise Bourgeois, as formas e a síntese de “Queimacasas” aportan un contido conceptual completamente diferente ao da obra da artista franco-americana. 









Texto Antonio Garrido Moreno incluído en Catálogo del Patrimonio Artístico de la Diputación de A Coruña. Vol I. A Coruña, 2011. páx. 182-183.

No hay comentarios: