29/5/17

Sen comentarios: Silleda, area de descanso do Deza


22/5/17

15/5/17

Sen comentarios: a Casa Torcida de Sopot (Polonia)


Dentro da arquitectura polaca hoxe fago alusión a un esperpento, a unha anécdota da que se está a facer toda unha categoría. A un edificio que chama a atención co obxectivo de … chama r a atención e que se entre nel para… mercar pois é un centro comercial

 A Casa torcida de Sopot ou Krzywy Domek está situada na cidade balneario e turística por excelencia do báltico polaco preto de Gdansk.

Situada na rúa principal da vila, na Monte Cassino (en lembranza dos soldados polacos que morreron nesta cruenta batalla italiana da Segunda Guerra Mundial), cóntase que os seus deseñadores inspiráronse nas ilustracións de de Jan Marcin Szancer.

Deseñado no 2001, foi levantado no 2004 sobre unha superficie de 400 metros cadrados nun solar de máxima circulación peonil pois está na dirección ao famoso peirao de madeira de máis de cincocentos metros e camiño do Gran Hotel.


No seu interior hai un centro comercial ademais de restaurante, sala de xogos e unha emisora de radio.

Fotos: Iniciarte

8/5/17

Centro Europeo da Solidariedade en Gdansk (Polonia)


Na recente visita a Polonia, acompañados dunha magnífica guía (grazas), tiven oportunidade de achegarme a algún dos lugares máis sobranceiros da historia do século XX. Un deles foron os estaleiros de Gdansk (por certo, topónimo con tilde no “n”) onde naceu o sindicato Solidariedade,  (en polaco Solidarność).

Ademais de coñecer o seu pequeno museo, a súa tenda de merchandaising e o monumento aos obreiros mortos nas protestas de 1970, achegámonos ata o Centro Europeo da Solidariedade (en polaco Europejskie Centrum Solidarności) . Magnífico edificio inaugurado o 31 de agosto de 2014. Mais recentemente foi aberto ao público o pasado 22 de marzo de 2017 o Museo daII Guerra Mundial tamén dentro dun edificio sobranceiro porque, como lembraredes, esa guerra comezou exactamente alí.


A obra xurdiu a partir dunha idea do xa ex-presidente e fundador do sindicato, Lech Walesa  para a creación dun “centro mundial para as ideas da liberdade, a democracia e a solidariedade” e de acordo con  Xosé Manuel Durao Barroso. A Unión Europea aportou máis da metade dos 58 millóns de euros que custou o edificio, pertencendo os seus deseñadores á empresa polaca FORT Architects, como gañadora do concurso internacional celebrado en 2007.


O centro consta dunha exposición permanente sobre o movemento Solidariedade (con máis de 2.000 obxectos expostos), un espazo para exposicións temporais, así como unha biblioteca de máis de 100.000 volumes unha sala de lectura e un amplo espazo para conferencias.


Chama poderosamente a a atención as súas paredes exteriores que pretenden evocar o aceiro da construción dos buques. Din que a Lech Walesa non lle gustou especialmente (tampouco é preocupante, non?)



A súa inauguración fíxose coincidir co 34 aniversario da sinatura dos Acordo de Gdansk, cando o goberno polaco, tras máis de dúas semanas de folga nos estaleiros, chamados naquel entón estaleiros Lenin, recoñeceu o dereito dos traballadores á súa libre sindicación, iniciándose a fin da era comunista en Europa.






Fotos de INICIARTE

1/5/17

O Palacio da Cultura e da Ciencia de Varsovia


O Palacio da Cultura e a Ciencia (en polaco, Pałac Kultury i Nauki, abreviado como PKiN) é un edificio situado en Varsovia, foi durante moitos anos o edificio máis alto da cidade (actualmente o segundo) e un dos máis altos de Polonia, ademais de ser o noveno máis alto da Unión Europea e o 188º máis alto do mundo cos seus 237 metros de altura. O autor do proxecto foi Lev Rudnev. É visible desde 30 km.

Orixinalmente coñecido como o Palacio de Iósif Stalin de Cultura e Ciencia, para máis tarde, na desestalinización quitarlle ese nome. Utilízase como centro de exposicións e complexo de oficinas.

A construción comezou en 1952 e foi acabada en 1955. Un agasallo da URSS, expresamente mandado construir por Stalin, a Polonia. Traballaron nela 3.500 persoas, das cales 16 faleceron en tarefas de construción. A arquitectura do edificio está moi ligada a outros rañaceos construídos na URSS durante a mesma época, en especial coa Universidade de Moscova. 
Universidade de Moscova de Lev Rudnev

Con todo, o arquitecto principal, Lev Rudnev, incorporou algúns detalles arquitectónicos, froito de ir viaxando por toda Polonia e observar a súa arquitectura. As paredes monumentais están encabezadas con pedazos de mampostería copiados de casas renacentistas e palacios de Cracovia e Zamość.

A súa altura divídese en 42 pisos e ten unha capacidade de 817.000 metros cadrados (algunhas fontes rebaixan esta cifra ata os 123.084 m². Posúe máis de 3000 habitacións que, entre outras cousas, dan sede a empresas e institucións, e tamén á Academia de Ciencias Polaca. Ademais, o palacio de cabida a unha oficina de correos, un cinema, varios museos, dúas universidades privadas, e a varios teatros.

O palacio é unha das institucións de congresos máis grandes de Varsovia. Nas súas salas poden reunirse máis de 4.500 participantes. A Sala de Congresos e a de Sala de Concertos do palacio son, sen dúbida das maiores salas de concerto en Polonia. A primeira delas leva as palmas en canto a magnitude refírese. Pode albergar ata 2.880 persoas; pola súa banda, a segunda delas, que dá cabida a 550 persoas, é na actualidade unha das mellor equipadas tecnicamente no país. Nas Salas de Congresos actuaron artistas da talla de Marlene Dietrich, Procol Harum, Bruce Springsteen, Cesária Évora, The Rolling Stones, Woody  Allen co seu grupo, e moitos outros artistas de talla universal. Hai anos que teñen lugar aquí concertos de jazz que atraen a un gran número de amantes desta música.

De gran atracción para turistas e varsovianos é o miradoiro que se atopa no piso 30 do palacio  (“trzydziestka”), a unha altura de 114 metros, desde o cal se pode admirar un magnífico panorama de Varsovia. Na noite de San Silvestre do ano 2000 na parte superior do palacio foi instalado o segundo reloxo máis grande de Europa. As súas catro esferas teñen un diámetro de seis metros. É este, ademais, o reloxo colocado no lugar máis alto dunha torre no mundo.

O edificio foi polémico desde os seus inicios. Algúns polacos odiaban o edificio, por ser un símbolo dos soviéticos, incluso chegando a propoñer o seu derrubo para construír un parque cun estanque, mesmo a guía que manexo refírese a el como “o elefante con lencería de encaixe” facendo referencia ao seu tamaño e ás recargadas esculturas que adornan os parapetos. Aínda que actualmente o seu simbolismo negativo diminuíu, sendo proclamado símbolo de Varsovia e patrimonio nacional polaco.


Na época soviética o seu impacto visul tiña que seren enorme, mais hoxendía xa non destaca tanto pois ten un lado cheo de novos e espectaculares rañaceos.

Fontes informativa a Wikipedia e Warsawtour.  
Fotos de Iniciarte.